Friday 22 de November de 2024

Novo obradoiro previo ao Chanfaina lab


O realizador e documentalista ourensán Domingo Díaz Docampo ofreceu hoxe en San Sadurniño a primeira xornada do seu obradoiro “Sobrevivir a unha filmación”, encadrado na programación formativa do 9º Chanfaina lab que arranca a semana que vén.

Na sesión que se desenvolveu esta mañá na Casa da Xuventude, as persoas participantes viron algunhas cuestións que cómpre ter en conta á hora de enfrontarse a un proxecto audiovisual, como por exemplo a importancia de definir ben as ideas e que estas estean ao servizo da historia que se pretende contar dun xeito atraente para o espectador, ata que punto é fundamental unha boa planificación do traballo ou cales son as funcións -e responsabilidades- de cada persoa do equipo, entre outros temas relacionados coa preprodución e produción documental.

O venres, segundo día deste interesante obradoiro, abordarase a relación de material básico que se precisa para unha filmación e tamén aqueloutro complementario que pode facilitar o traballo ou enriquecer o resultado final.