Saturday 16 de November de 2024

O pavillón de Ponte Carreira acolleu a Festa de Disfraces máis concorrida do Concello de Frades


As comparsas “Pingüíns do monte” (Arzúa), “Os espantallos do avó Xan” (Poulo – Ordes) e “Os Masais” (Frades) foron os grandes gañadores da noite

O pavillón polideportivo de Ponte Carreira quedou pequeno durante a Festa de Disfraces máis concorrida dos últimos anos no Concello de Frades, na que participaron preto de novecentas persoas chegadas tanto de toda a comarca ordense como de municipios próximos. Unha festa que se prolongou por máis de catro horas e nas que destacou especialmente unha das novidades: un photocall polo que foron pasando practicamente todos os presentes.

Ademais, a festa incluíu os tradicionais obradoiros de maquillaxe e dous inchables, aos que se engadiron un obradoiro de traballos manuais e moita música e baile. Os pequenos disfrutaron tamén da presenza de catro convidados moi especiais: Mickey Mouse, que repetía visita e que desta vez viña acompañado por Minnie Mouse, Homer Simpson e Bart Simpson. Durante toda a xornada, o Concello de Frades convidou a todos os presentes a palomitas e a chocolate quente con bica, mentres que ao rematar o Concurso de Disfraces todos os cativos levaron cadansúa bolsa de lambonadas.

Gañadores

No que atinxe ao Concurso de Disfraces, a competición estivo este ano moi reñida tanto polo número de participantes como polo gran nivel amosado. Os grandes gañadores da noite foron os integrantes da comparsa “Pingüínsdo monte”, de Arzúa, que levaron o premio de 300 euros ao mellor grupo adulto cuns impresionantes disfraces feitos con follas de árbores.

O segundo premio foi para os gañadores das dúas últimas edicións: a comparsa composta por veciños e veciñas de Poulo (Ordes) coa súa representación “Os espantallos do avó Xan”, coa que tamén quedaran finalistas en Oroso un día antes. Levaron 150 euros. O premio especial á mellor comparsa do Concello de Frades (120 euros) foi para “Os Masais”, mentres que o segundo premio especial foi para “Bolas axitadas” (60 euros).

Na modalidade de individual adultos, o primeiro premio de 100 euros foi para “O anano de Mazinger Z”, que tamén viña de vencer no concurso de Oroso. O segundo premio foi para “Frades cos lácteos”, unha divertida coreografía de dúas veciñas de Frades a prol do consumo de leite e iogures galegos.

Na categoría infantil, o grupo gañador foi “Tripulación” (Frades), que arrincou unha das grandes ovacións da tarde. O segundo premio tamén quedou na casa, coas “Burbujas net”. Levaron 100 e 50 euros, respectivamente. Finalmente, na modalidade individual infantil os premios foron para “O leitiño polo que vale” e “Minion”, que evaron 60 e 30 euros, respectivamente.

Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey; e polos concelleiros de Educación, Manuel Ferreiro; Servizos Sociais, Ángeles Álvarez; Cultura, Miguel Prado; e Maiores, Jesús Sánchez. Unha vez rematada a entrega de premios, repartiron tamén lambonadas entre todos os cativos presentes, o que deu paso a unha gran festa de animación e á chocolatada gratuíta con rosca.