No prazo dun mes celebrarase a proba deportiva de ultrafondo organizada polo Concello e o Club Deportivo Narón 101 que, nesta terceira edición, é xa todo un referente, reunindo a un preto de un milleiro de participantes de diferentes idades, estando actualmente inscritas case 900 persoas. A convocatoria terá un apartado específico para menores de entre 4 e 14 anos, que se poderán inscribir dende o vindeiro luns, día 2, ata o 15 de setembro, nas categorías establecidas.
Os menores poderán participar nas carreiras que se desenvolverán no propio paseo de Xuvia ao longo da mañá do día 28. A modalidade de gatos diríxese a nenas e nenos de 4 a 7 anos, que percorrerán unha distancia de 100 metros, con saída ás 10:00 horas. A continuación, sobre as 10:20 horas, sairán os da categoría de linces, de 8 e 9 anos, para facer un percorrido de 500 metros e ás 10:45 será o turno dos tigres, nenas e nenos de 10 e 11 anos, que correrán por un tramo de 750 metros. Finalmente tamén se habilitou a categoría de leopardos, para menores de 12 a 14 anos e que ás 11:00 sairán para facer un percorrido de 1.250 metros.
As inscricións de menores, nas que se ofertan un centenar de prazas, poden realizarse a través da plataforma: https://eventos.emesports.es/inscripcion/21-leguas-kids-2024/.
Dende a propia organización recordaron que ademais, de xeito excepcional, se abrirá un prazo extra para que se inscriban nas “21 Leguas. Os 101 quilómetros de Narón” os adultos que o desexen dende mañá xoves ata este domingo, día 1 de setembro. A tramitación das mesmas pode realizarse a través dos enlaces: https://21leguas.es/inscripciones/ e https://eventos.emesports.es/inscripcion/21-leguas-24/.