Monday 25 de November de 2024

A Romaría de Santa Margarida pecha esta fin de semana a programación das Festas de María Pita 


A celebración comeza este xoves con Rodrigo Cuevas e remata o domingo, con numerosas actividades vinculadas á tradición cultural galega 

A Romaría de Santa Margarida pecha estes días as Festas de María Pita 2024. A celebración amplíase este ano a catro xornadas, coas que o Goberno de Inés Rey busca impulsar a tradición cultural galega da man das asociacións de arraigamento da cidade. 

A Romaría comeza este xoves 29 cunha actuación especial de Rodrigo Cuevas. Será ás 22.00 horas no anfiteatro, e as entradas xa están esgotadas. Abrirá o concerto Pansenfron, ás 21.30 horas. Ademais, este venres tamén haberá novidades cunha actuación dobre especial no Planetario da Casa das Ciencias de Trilitrate, na que se mesturará música folk e imaxes que aproveitarán o novo sistema visual deste espazo. 

O venres tamén será a tradicional Gran Noite do Folclore (desde as 21.00 horas), que contará con Donaire, Xacarandaina e Son D’Aquí e que estará presentada por Caxoto. Tamén actuará a compañía de danza Óscar Cobos co seu espectáculo Bailador (22.15). 

O sábado desenvolverase durante todo o día na explanada da Casa das Ciencias o Espazo Participativo, con obradoiros para distintos niveis e idades, unha mostra de entidades da cidade e unha mostra de artesanía musical. Tamén haberá unha actuación de Maghúa (13.30 horas). Pola noite actuarán no anfiteatro De Ninghures (20.30), Tiruleque (22.00) e Xurxo Fernandes (23.35). 

Por último, o domingo ás 12.00 horas, na explanada da Casa das Ciencias, terá lugar o tradicional concerto da Banda Municipal de Música da Coruña, que actuará xunto con Cántigas da Terra. Durante a xornada haberá actuacións de Pesdelán, Espadana e Caldo e a xornada rematará no anfiteatro con Fetén Fetén (20.00), Xabier Díaz e Adufeiras de 

1

Nota de Prensa 

Salitre (21.30) e Startijenn (23.10). Entre medias, haberá un espectáculo de fogos artificiais, que terá lugar ás 22.50 horas. 

A programación completa por días pódese consultar na páxina web www.coruna.gal/mariapita2024.