A Copa do Rei no acto de presentación do torneo na Coruña
Os afeccionados e afeccionadas ao baloncesto e ao Rio Natura Monbus Obradoiro poderán visitar e fotografarse coa Copa do Rei, que estará exposta durante tres días en Santiago.
Tiro Libre SCQ, a tenda que o Obradoiro ten na rúa Ramón Cabanillas, 11 é o lugar elixido para a exposición da Copa do Rei, que fai parada en Santiago os días 9, 10 e 11 de febreiro. Poderase visitar en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas.
O mércores, ás 19:00 horas, haberá ademais firma de autógrafos por parte de dous xogadores do Obradoiro, Juanjo Triguero e Artem Pustovyi. O xoves, último día de exposición da Copa na nosa cidade, terá lugar un pequeno acto de despedida , ao que acudirá a concelleira de Deportes, Noa Morales.
O equipo compostelán enfrontarase ao Laboral Kutxa Baskonia en cuartos de final da Copa do Rei de Baloncesto que se celebrará na Coruña.