Friday 22 de November de 2024

Un grupo de 8 larachesas participa nun novo programa de Intercambio Xuvenil en Venecia


Durante esta semana visitan os lugares máis destacados desa localidade e outros puntos da contorna.

A participación do Concello en diferentes programas apoiados pola Unión Europea permitiu estableceu relacións de amizade e colaboración con outros municipios e entidades de diversos países do continente. E froito desa rede cooperativa, nos últimos anos o Concello está a ofrecer á cidadanía, especialmente ao colectivo da mocidade, a posibilidade de formar parte de actividades de intercambio dirixidas a contribuír á construción da cidadanía europea.

Neste sentido, oito mozas larachesas -acompañadas polos concelleiros Almudena Martínez e Manuel García, á súa vez presidentes da asociación cultural Santa María de Torás e da peña Canteras El Pozo de Soandres respectivamente- participan nesta semana -do 24 ao 31 de agosto- nun programa de intercambio xuvenil que se desenvolve en Venecia e que é posible grazas ás relacións tecidas entre o Concello e o Polo Tecnico Professionale desa localidade italiana.

Nos primeiros días da súa estancia puideron familiarizarse coas instalacións da escola na que están aloxadas xunto a outros participantes procedentes de Italia, Xeorxia e Portugal, cos que realizan en conxunto actividades de tipo cultural e de ocio. No día de onte fixeron un percorrido polas illas de Murano e Burano. Hoxe teñen programadas visitas aos principais museos da zona e nos seguintes días realizarán rutas guiadas pola propia cidade de Venecia e a súa contorna.

O Concello aposta por este tipo de programas no verán para ofrecer á mocidade oportunidades para coñecer outros países, idiomas e culturas, potenciar a mobilidade xuvenil, tender pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países e, tamén, para proxectar o Concello da Laracha cara o exterior.