Friday 22 de November de 2024

A vicerreitora do Campus de Ferrol, a nedense Ana Ares, “ilusionada” con dar o pregón da Festa do Pan de Neda


O Concello elixe, un ano máis, a unha nedense como pregoeira da Festa do Pan de Neda. Neste caso, aposta por unha das personalidades máis relevantes do panorama universitario galego. Ana Ares Pernas, actual vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social da Universidade da Coruña, terá o domingo 1 de setembro, no Paseo marítimo de Xuvia, esta honra, tomando así a testemuña doutra muller da localidade, a futbolista Ale de Paz.

Nacida e criada na Mourela, Ana Ares, profesora titular do departamento de Física e Ciencias da Terra da Universidade da Coruña, e doutora pola UDC no programa de Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros, confésase “agradecida pola elección” e “moi ilusionada” por ser a encargada de “abrir” oficialmente esta emblemática, que destaca o traballo dos panadeiros/as e exalta o mellor pan de Galicia.
Lembra a vicerreitora que nas inmediacións da súa casa materna había nos anos da súa nenez ata media ducia de fornos, e que ela mesma colaborou no certame, da man da xa desaparecida Panadería Luaces, nos tempos nos que o evento se celebraba en Albarón,

O pregón da 34 edición da Festa do Pan de Neda, declarada de Interese Turístico Nacional, comezará ás 13 horas, se ben as actividades do certame comezarán ás 10 da mañá, coa apertura dos postos de venda das panaderías e co mercado de artesanía. Chegará un pouco despois a música de Berros do Castro e o tradicional Concurso de Empanadas. Como é tradicional, na xornada non faltarán as actividades infantís, os concerto nin a multitudinaria comida popular.