A música protagonizará o remate da programación do Verán Cultural na Pobra do Caramiñal. “O mes de agosto chega á súa fin e con el a axenda ao abeiro do Verán Cultural. Durante dous meses tivemos máis de vinte propostas que dinamizaron as rúas con distintas disciplinas artísticas. E que mellor maneira para lle poñe-lo broche de ouro ca cunha asociación con gran dinamismo e arraigamento na nosa localidade e coa nosa banda de música”, declara a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.
O Festival X Aniversario Arrancadeira celebrarase en dous días. No 31 de agosto, ás 21.00 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán, terá lugar un serán coa entidade. E, no 1 de setembro, ás 12.30 horas, haberá pasabares pola vila da man do grupo 7 Ferrados.
A maiores, no 31 de agosto, a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra ofrecerá os concertos de verán. Serán ás 13.00 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán.