Friday 22 de November de 2024

Rematadas as obras de abastecemento a Rebordelos dentro dun proxecto para varios núcleos de distintas parroquias


A actuación inclúe tamén os lugares da Igrexa e Cabalos (Artes), Quintáns (Ardaña) e Barís (Rus) e as rúas Fonte de Razo e Lirios e Salgueiros de Carballo

O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Luis Lamas e Miguel Vales achegáronse ata Rebordelos coincidindo co remate das obras de abastecemento de auga ao lugar, que incluíron tamén a pavimentación de 1.500 metros cadrados de rúas e a colocación dunha fila de lousas de granito no perímetro da igrexa.
As melloras realizadas en Rebordelos foron as primeiras dun proxecto que tamén inclúe a instalación da rede de auga no núcleo da Igrexa (Artes), así coma a súa extensión no de Quintáns (Ardaña) e na rúa Fonte de Razo, e a mellora do funcionamento do servizo nas rúas Lirios e Salgueiros de Carballo e no lugar de Barís (Rus). As obras son executadas pola empresa Gestal y López, e teñen un orzamento de 168.375 euros.
En todos os casos, o proxecto inclúe a demolición dos pavimentos existentes, a apertura de gabias a unha profundidade de 90 centímetros para a colocación das tubaxes e a pavimentación posterior, que no caso de Rebordelos realizouse con formigón para poñer en valor a contorna da igrexa parroquial. Estas son as demais actuacións, ao detalle:
• Na rúa Fonte de Razo o obxectivo é a prolongación da rede de abastecemento para dar servizo a todas as casas, polo que se instalarán 250 metros de rede e ao final colocarase unha boca de rega para desaugue. A reposición das vías afectadas farase cunha capa de macadam (pedra) de 12 centímetros de espesor e dobre capa de asfalto.
• Na rúa Lirios os traballos consistirán na eliminación dun treito de fibrocemento e na instalación de nova rede para pechar a malla. Deste xeito continúase coa eliminación da rede antiga, o que permite mellorar as presións, a cloración e a garantía de subministro. A nova rede da rúa Lirios unirase á existente na rúa Salgueiros, na que tamén se executarán os traballos preciosos para pechar a malla entre esta rúa e a Fiúnchos, facilitando, ademais, a intervención en caso de avaría. A reposición da vía farase con macadam e dobre capa de asfalto e nas beirarrúas afectadas, con pavimento de loseta gris.
• A actuación proposta na parroquia de Artes ten como finalidade, por unha banda, dotar de rede de abastecemento de auga o núcleo da Igrexa e poñer en funcionamento a existente en Cabalos. En total colocaranse 1.650 metros de tubaxes e 3 bocas de rega, e farase a reposición igual que en Razo e Carballo.
• En Quintáns (Ardaña) a actuación consiste na prolongación da rede de abastecemento existente de cara a dar servizo a todas as casas do lugar, con 100 metros de rede de polietileno e unha boca de rega para desaugue. A reposición realizarase co estendido dunha capa de macadam de 12 cm de espesor para logo rematar cun dobre tratamento superficial.
• Tamén se prolongará a rede para dar servizo a todas as casas de Barís (Rus) e pechar a malla para mellorar o servizo no lugar. Serán 125 m de rede e unha boca de rega para desaugue. A reposición farase igual que en Quintáns.