Divertida e repleta de amizades. Así pasaron a mañá os preto de vinte nenas e nenos que participan estes días nas actividades de conciliación promovidas dende o Departamento de Educación do Concello de Ordes en colaboración coa escola ConTalento. Obradoiros de caretas e máscaras, xogos como os da cadeira son algúns exemplos das actividades que levaron a cabo. Xa se sabe que a media mañá a fame aperta, así que como estamos no Entroido que mellor que unha de periquitos feitos por eles mesmos para que as tripas deixen de ruxir. Para isto último todas e todos eles desprazáronse ata a cociña instalada no primeiro andar da Praza de Abastos.
De cara a mañá haberá unha nova xornada chea de sorpresas, aínda que o máis esperado por todos os pequenos e pequenas é a Tarde de Entroidada na que non faltarán os obradoiros, xogos, animacións, música etc. Aínda que a cita está posta dende as 16.30 horas na Alameda, no caso de chuvia trasladarase ao pavillón Campomaior.