O Concello de San Sadurniño pechou o venres o prazo de solicitude de espazos expositivos e de venda para a 15ª Feira Rural que se celebra este sábado. En total recibiu 77 peticións, unha máis que o ano pasado, na súa maioría para postos agroalimentarios e de artesanía, aínda que tamén haberá un número importante de puntos de venda de artigos de segunda man, ademais de representación dos viveiros de planta e horta da zona e unha firma dedicada á maquinaria. O listado pode consultarse nesta ligazón, onde tamén figuran os horarios de entrada no recinto da Cortiña. No momento de acceder á feira, todos os postos inscritos deberán presentar o resgardo bancario do pagamento da taxa.
Por actividade, o Concello rexistrou 25 peticións de postos agroalimentarios, 6 de viveiros de planta e flor, 1 de maquinaria, 26 de artesanía, 8 de artesanía combinada con artigos de segunda man, 9 de puntos de venda de oportunidades e 2 correspondentes a entidades sen fins de lucro que acudirán ao evento para dar a coñecer as súas actividades.
A superficie máxima que poderán ocupar os postos -segundo o que solicitasen- serán 15 metros liñais, agás no caso de viveiros e maquinaria agrícola, que poderán ocupar ata 20 metros de frontal no espazo que se lles asigne. As cotas están fixadas na ordenanza reguladora en tramos: 5€ ata 5 metros de frontal por 5 metros de fondo; 15€ de 6 a 15 metros por 6 metros de fondo e 25€ se o posto ten entre 16 e 20 metros liñais e 10 metros de fondo.
As cantidade que toque en cada caso deberá pagarse presencialmente no Concello ata o mediodía deste venres mediante TPV ou efectuando unha tranferencia bancaria á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “Inscrición Feira Rural 2024” e o nome da persoa responsable do posto. Para acceder ao recinto na mañá do sábado será necesario presentar o resgardo do pagamento.
Os postos deberán ir entrando no recinto á hora que teñan asignada no listado de inscricións publicado hoxe, co obxectivo de que a montaxe sexa o máis áxil posible e de evitar aglomeracións de vehículos nos sendeiros, aos que xa non se poderá acceder para descargar material despois das 10:15h.
Se se cumpren as previsións doutros anos, a feira estará completamente armada sobre as 10:30 horas e lista para recibir a habitual afluencia de público, máis elevada entre as 12 e as 14:00h aínda que cara a media tarde adoita volver repuntar, sobre todo nos intres previos á clausura.
Atendendo á lista de inscricións, Feira Rural chega á 15ª edición con moita variedade de produto fresco e elaborado, artesanía e artigos de segunda man, ademais de contar con venda de pequena maquinaria -cortacéspedes, rozadoiras de man e forestais, etc.-, flor e planta.
Ademais haberá máis cousas nun programa ininterrompido que arrancará pouco despois das 10 da mañá e que se prolongará ata pasadas as 8 da tarde: visitas ao colmear didáctico e á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos (con prácticas de poda e enxertado), obradoiros para a rapazada, descensos en kaiak polo Xubia, o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, sorteos de lotes de produto local, música ao vivo cos romances do Cego na Feira e os pasarrúas dos Campantes da Baña. E, por suposto, o concurso de froita que se desenvolverá ao longo da mañá e no que cumprirá inscribirse o mesmo día.
Para xantar
A feira disporá cun posto de comida, aínda que tamén é moi boa opción acudir a algún dos restaurantes do concello: o Mesón A Granxa, Mesón O Ferrador (San Sadurniño), Parrillada Riboira (en Lamas), Parrillada María Queira (Igrexafeita) e Os Cazadores (Santa Mariña do Monte), aínda que convén reservar con tempo de antelación nos que quedan máis preto da feira.
Outra opción é vir de merenda e aproveitar algún dos recunchos que ofrecen o arboreto da Cortiña -o espazo arborado onde se desenvolve a feira-, o paseo fluvial, os xardíns municipais, o contorno do Convento do Rosario ou a área recreativa dos Currás (ao pé da piscina).