Thursday 21 de November de 2024

Case 650 persoas visitaron as minas de San Finx nos sete primeiros meses de 2024


As visitas guiadas poden reservarse chamando ao Concello de Lousame (981 820 494) ou enviando un mail a museominasdesanfinx@gmail.com

Un total de 644 persoas visitaron o poboado mineiro das minas de San Finx durante os sete primeiros meses de 2024, realizando un percorrido guiado polas instalacións da man de Mayte Sobradelo, licenciada en historia e técnica municipal do Concello de Lousame. Unhas visitas nas que os presentes coñecen tanto a historia das minas como a súa evolución ao longo dos anos, así como o traballo realizado polo Concello de Lousame para rehabilitar e poñer en valor este patrimonio.

“Unhas boas cifras á espera de contabilizar os tres meses que historicamente reúnen máis número de visitantes: agosto, setembro e outubro, un trimestre que adoita concentrar case a metade das visitas rexistradas ao longo do ano”, sinala a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo. Nestes momentos a única posibilidade de visitar o Museo das Minas de San Finx é concertar unha visita, preferiblemente dun mínimo de 10 persoas, chamando ao Concello de Lousame (981 820 494) ou enviando un correo electrónico a museominasdesanfinx@gmail.com.

Visitas guiadas

O percorrido ofrece unha visita guiada aos edificios que formaron parte do complexo e que se sitúan no antigo poboado mineiro. Nun privilexiado entorno natural declarado Lugar de Interese Xeolóxico, accédese aos talleres, á sala de compresores e ao cuartel vello. A través dos mesmos, os visitantes poderán descubrir a historia dun xacemento de volframio e casiterita desde a chegada de empresarios ingleses a finais do século XIX ata os anos 90 do XX pasando pola época de explotación da II Guerra Mundial.

Despois, o grupo adoita visitar o centro de interpretación, onde pode ver unha maqueta a escala das minas como distinta documentación e trebellos relacionados coa traballo das minas e coa época, dende o propio wolframio ata teléfonos antigos, peneiras, imaxes antigas… Aínda que as visitas se adaptan as dispoñibilidades de tempo do grupo, adoitan durar entre hora e hora e media.

As visitas son de balde para persoas maiores de 65 anos ou menores de 5 anos. A tarifa xeral, para persoas de entre 6 e 64 anos, é de 2 euros. Así mesmo, existe unha tarifa reducida de 1 euro para persoas empadroadas en Lousame ou integrantes dun grupo escolar.