— O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) desenvolverá nos meses de setembro, outubro e novembro unha programación específica en diferentes concellos das catro provincias galegas
— Nos cursos, que constan de 16 horas de formación teórica-práctica repartidas en catro xornadas, terán prioridade as persoas con vinculación laboral ou formación na materia
— O programa contempla os principais riscos ergonómicos, biolóxicos e psicosociais no coidado de persoas con dependencia, así como as correspondentes recomendacións preventivas para eliminalos ou reducilos
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2024.- O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ten en marcha unha programación de cursos de prevención de riscos laborais dirixidos a traballadores/as de atención directa a persoas con dependencia e axuda no fogar. Tras iniciarse en Quiroga, as formacións seguiranse desenvolvendo nos meses de setembro, outubro e novembro en diferentes concellos das catro provincias galegas. En concreto, están previstos en Ribeira e Arzúa (A Coruña); Viveiro (Lugo); A Merca e A Peroxa (Ourense); e Soutomaior e Crecente (Pontevedra).
Estas accións formativas enmárcanse no Plan de actuación do Issga para o ano 2024, dentro do eixo de actividades para a promoción da prevención, mellora da xestión e redución da sinistralidade. Ademais, as particularidades que presenta este colectivo, como o feito de desenvolverse principalmente por mulleres e realizarse no domicilio particular da propia persoa a coidar, esixen o desenvolvemento de actuacións específicas co fin de promover, fomentar e mellorar as condicións de seguridade e saúde laboral destas traballadoras, especialmente no referido á prevención de trastornos musculoesqueléticos (TME).
Ofrecer alternativas ao levantamento manual dos usuarios, en termos de axudas técnicas, formación e adecuación de espazos, é un dos obxectivos máis importantes dunha actuación ergonómica coa persoas dependentes e constitúe un dos piares en todo programa de prevención dos TME.
Formación teórico-práctica
Os talleres programados -nos que terán preferencia as persoas con vinculación laboral ou formación na materia- son gratuítos e constan de 16 horas teórico-prácticas repartidas en 4 xornadas co obxectivo de promover o coñecemento para un traballo seguro tanto na atención directa de persoas con dependencia como para os traballadores de axuda a domicilio, polo que non só repercutirán no seu traballo senón tamén no benestar da persoa que recibe a atención.
A documentación técnica utilizada nestas actividades foi elaborada polo Issga e recolle os principais riscos ergonómicos, biolóxicos e psicosociais no coidado de persoas con dependencia así como as correspondentes recomendacións preventivas para eliminalos ou reducilos, fomentando as boas prácticas e a implantación de medidas preventivas eficaces para facer prevención e evitar danos para a saúde.
Máis información e inscricións:
https://issga.xunta.gal/gl/formacion#cursos-presenciais