O alcalde, Juventino Trigo, e a tenente de alcalde, Sandra Permuy, recibiron ao deputado polo BNG, Xosé Manuel Golpe
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, xunto coa tenente de alcalde, Sandra Permuy, mantiveron unha reunión co deputado no Parlamento de Galicia polo BNG, Xosé Manuel Golpe, para abordar diversas necesidades que dependen da Xunta de Galicia e que resultan esenciais para o benestar da veciñanza do concello.
Entre os temas tratados, unha cuestión especialmente relevante foi a petición de resposta á solicitude presentada polo Concello de Fene en novembro de 2022 ante a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade para a construción dunha senda peonil na Avenida Conces, na AC-115. O alcalde, Juventino Trigo, subliñou a importancia desta infraestrutura para garantir a seguridade dos peóns, afirmando que “é fundamental que a Xunta atenda esta demanda histórica e prioritaria Fene. Non podemos permitir que a seguridade viaria da nosa veciñanza quede nun segundo plano nunha estrada que conta cun alto volume de circulación”.
Por outro lado, tamén se abordaron cuestións relacionadas coa eficiencia enerxética, área na que o deputado Xosé Manuel Golpe é especialista. Golpe comprometeuse a levar adiante diversas iniciativas no Parlamento de Galicia para dar resposta ás demandas presentadas polo Concello de Fene. “Desde o BNG, imos traballar para que as necesidades de Fene sexan escoitadas e atendidas pola Xunta. Son cuestións xustas e necesarias que non poden agardar máis”.
Algúns destes temas foron tratados previamente polo Alcalde de Fene e a Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol nunha xuntanza celebrada hai unhas semanas a petición do Concello. Estas reunións forman parte dunha serie de encontros do Goberno municipal cos diferentes grupos para desbloquear as materias pendentes que o Goberno galego ten con Fene.