O pasado 22 de agosto presentouse a II Andaina Solidaria contra o cancro de Aguiño que se vai a celebrar o vindeiro 8 de setembro con saída no porto de Aguiño a partir das 19:00 h.
Á presentación déronse cita o concelleiro de deportes Xabier Vidal, o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, a presidenta da Asociación Contra o Cancro de Ribeira, María José Carreira e demais voluntarias da asociación.
A andaina solidaria contará con agasallos e sorpresas, a actuación de “Os Chispas”e @s Revolt@s de Ribeira. A achega económica será de cinco euros, máis outros cinco para mercar a casimeta (opcional). Os teléfonos para as inscricións previas son o 630 25 24 26 e o 630 92 14 46, na sede local ou na propia andaina.
“Vai a ser o mesmo percorrido circular coma o do ano pasado, saíndo do porto e pasando por, Muralla, Penisqueira, Muelle Fenicio no que se fará unha ofrenda floral, o ano pasado foi un auténtico éxito de convocatoria e agardamos que nesta nova edición tamén o sexa; a andaina é unha boa maneira de recadar fondos para o cancro e tamén un maneira de fomentar o deporte e a vida saudable” sinalou Vidal.
O concelleiro de Sanidade comentou que debido á súa profesión sempre ten en conta as cifras e “neste ano en España xa se diagnosticaron máis de 266.000 novos casos de cancro e grazas á AECC o diagnóstico precoz pode facer que eses números de cancro redunden nunha supervivencia moito maior e por iso animo á a xente que se apunte a andaina”.
María José Carreira agradeceu ao Concello de Ribeira polo seu apoio constante para todos os eventos que organiza a asociación, tamén a tódalas entidades sociais e deportivas de Aguiño que colaboran e como non; a tódolos patrocinadores.
“Queremos fomentar o deporte e combater o sedentarismo” afirmou Carreira, “tamén este ano queremos homenaxear a unha veciña de Aguiño moi querida que faleceu recentemente despois de trinta anos de loita, Josefa Abraldes, irmá de Fernando Abraldes, concelleiro de Mar do Concello de Ribeira” finalizou Carreira.