O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou na entrega dos premios ás e aos gañadores, divididos en sete categorías por tramos de idade
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou este domingo no acto de entrega de premios ás e aos gañadores das probas australianas por categorías celebradas nas instalacións do Club do Mar, logo da cancelación da LXXXIII edición da Travesía a Nado á enseada de Santo Amaro por precaución ante a presenza de exemplares de carabelas portuguesas. En total, das 355 persoas inscritas participaron arredor de 200 participantes.
Tal e como estaba previsto, leváronse a cabo as probas de natación na piscina exterior, na que se foron descualificando os últimos nadadores de cada traxecto de 25 metros, ata unha final entre os tres últimos nadadores, que foi de 50 metros. Vázquez destacou “a relevancia que ten esta cita á hora de visibilizar o potencial da Coruña no referente á práctica deportiva en espazos ao aire libre”. Ademais, apuntou “a importancia de seguir impulsando a Travesía a Nado achegándoa ás xeracións máis novas, dando continuidade a un evento que xa forma parte da tradición deportiva da cidade e, en concreto, de Monte Alto, Santo Amaro e Durmideiras”.
O Concello colaborou na organización do evento do Club del Mar de San Amaro, impulsor da proba. En tarefas de apoio e seguimento, para reforzar a seguridade das e dos participantes, tamén estaba prevista a implicación dos e das profesionais de Protección Civil, Cruz Vermella e a FESSGA, con dúas embarcacións particulares, patróns e bucios.
Os seis primeiros clasificados levaron ademáis de trofeo premios en metálico. Desde os 50 euros para o sexto hasta 300 euros para o gañador feminino e masculino.