Friday 22 de November de 2024

A Xunta amplía no vindeiro curso o programa educativo Recíclate con Sogama aos centros de Secundaria e de Formación Profesional Básica 


— Esta iniciativa didáctica, desenvolvida ao abeiro do Plan Proxecta e dirixida ata o de agora unicamente ás escolas de Primaria, chegou nos seus 13 anos de vixencia a máis de 45.000 alumnas e alumnos e a preto de 2.300 docentes

— O obxectivo é achegar os seus beneficios tamén a niveis académicos superiores contribuíndo así a que os coñecementos relacionados coa reciclaxe se consoliden entre novos públicos do sistema educativo galego

— Un máximo de 25 centros dos 295 concellos adheridos ao modelo de xestión de residuos de Sogama poderán participar nesta acción durante o curso 2024-2025, para o que poden presentar as súas candidaturas ata o próximo 27 de setembro

O programa didáctico Recíclate con Sogama, enmarcado no Plan Proxecta da Xunta e que ata agora estaba dirixido aos centros de ensino de Primaria, amplíase no vindeiro curso 2024-2025 aos de Secundaria e de Formación Profesional Básica.
O obxectivo é que esta iniciativa -posta en marcha polo Executivo galego hai 13 anos e que chegou xa a máis de 45.000 alumnas e alumnos e preto de 2.300 docentes- estenda os seus beneficios a niveis académicos superiores de forma que o coñecemento relacionado coa reciclaxe se afiance entre novos públicos do sistema educativo galego.
Deste xeito, ao igual que en edicións anteriores, poderán beneficiarse do programa un máximo de 25 centros educativos pertencentes a algún dos 295 concellos que están adheridos ao modelo de xestión de residuos de Sogama. A maiores disto, entre os requisitos para participar está que as propostas presentadas sexan de calidade e se axusten aos obxectivos establecidos no programa, dando prioridade ademais aos centros que non tivesen participado en exercicios anteriores.
Os interesados en formar parte desta iniciativa teñen de prazo ata o próximo 27 de setembro para presentar as súas candidaturas a través da aplicación informática do Plan Proxecta. En caso de que haxa máis de 25 aspirantes que cumpren coas exixencias, a selección realizarase por estrita orde de recepción da solicitude.
Formar e concienciar
A finalidade do programa Recíclate con Sogama é formar á comunidade educativa no principio europeo dos tres erres: a redución da produción de residuos; a reutilización dos produtos para alongar a súa vida útil; e a reciclaxe previa selección dos refugallos e posterior depósito dos mesmos nos contedores correspondentes. Ao mesmo tempo busca concienciala sobre a loita contra a contaminación ambiental e o cambio climático mediante unha xestión sostible dos residuos municipais recorrendo a accións nas que se pretende que participen tamén as familias do alumnado, a contorna social máis próxima e os propios concellos aos que pertencen os centros educativos.
As actividades de Sogama ao longo do curso escolar no marco deste programa comezarán cun diagnóstico de cada centro en materia de xestión de residuos, recompilando datos de interese a través de entrevistas co cadro directivo e procedendo ao envío dos medios materiais e didácticos necesarios para o desenvolvemento das distintas accións previstas na planificación.
A continuación os monitores da empresa pública impartirán formación presencial ao alumnado e ao persoal docente realizando diversas visitas presenciais de seguimento nas que se verificará a evolución dos proxectos e se prestará o asesoramento oportuno en caso de que haxa dificultades ou problemas que sexa preciso resolver.
Xa na parte final do curso académico procederase a facer unha caracterización dos contedores de recollida selectiva achegados por Sogama ao centro educativo co fin de avaliar a calidade do material depositado en cada recipiente e comprobar o grao de acerto ou erro do alumnado na busca dunha óptima recollida separada de residuos.