Thursday 21 de November de 2024

Palmeira pon en valor o polbo con dous días de festa gastronómica


Hoxe deu comezo a Festa do Polbo en Palmeira, un evento organizado polo Concello de Ribeira que aperturou o alcalde, Luís Pérez Barral e a veciña palmeirá Celia García Pillado, pregoeira desta edición. No acto tamén estiveron membros do goberno, da Corporación Municipal e da Confraría de Palmeira.
O rexedor puxo en valor o cefalópodo e destacou o potencial deste evento para poñer en valor o polbo pero tamén outros produtos do mar e da rías galegas. “Con eventos como este pretendemos que a veciñanza e todas as persoas que nos visitan coñezan os seus beneficios nutricionais a través da gastronomía pero tamén promover o seu consumo”.

Pola súa banda Celia García reivindicou que Palmeira é un pobo de xente traballadora, humilde, acolledora, que sabe o que significa deixar a súa terra en busca de oportunidades para unha vida mellor, “porque vivimos de primeira man o drama da emigración”. Tampouco esqueceu, García Pillado, “ás bravas mulleres, viúvas de vivos en palabras da nosa ilustre Rosalía, que tiveron un papel fundamental no desenvolvemento deste pobo”.
Berce de homes e mulleres ilustres, destacados en numerosos campos: música, escritura, poesía, pintura, escultura, políticos, historiadores, médicos e médicas de renome no campo da investigación e un longo etc. de persoas relevantes. Fomos sempre un referente cultural, tendo un dos primeiros grupos teatrais da comarca alá polos anos cincuenta.
A pregoeira fixo referencia á xente do mar, aos mariñeiros, “os mellores de toda a contorna”.
“Somos un pobo reivindicativo de acción e convicción. Cando nos unimos somos imparables loitando pola nosa cultura, pola nosa lingua, polos nosos dereitos”.

Non quixo deixar pasar a oportunidade para agradecer a loita de todo o pobo demandando un dereito como é a sanidade pública. “Grazas especialmente a vós, Mulleres en Loita, xuntas conseguímolo”.
E como non iamos a ser desta pasta nacendo onde nacemos, neste enclave, coa maxestosa Curota por un lado, que non me escoiten os da Pobra que din que A Curota é deles, e a beleza incomparable da nosa ría de Arousa, así que así somos… coas nosas cousiñas, como din os de Ribeira, que sempre estamos dando a lata, Palmeira, Palmeira, Palmeira.

E para rematar, porque o máis importante hoxe é a festa, só me queda desexarvos que gocedes destes días como nunca.

PROGRAMACIÓN SÁBADO 24
• Concerto de noite: Thais Suki 22:00 h a 24:00 h PROGRAMACIÓN DOMINGO 25
• Grupo Tradicional Arume
• Sesión Vermú: Drippers 13:30 h a 15:00 h • Concerto de noite: Recambios Tucho 22:00 h a 24:00 h