Friday 22 de November de 2024

A Pobra pon o foco na memoria histórica na conmemoración do 80.º aniversario da liberación de París na II Guerra Mundial


Tal día como hoxe, 80 anos atrás e en plena II Guerra Mundial, as forzas da Resistencia erguéronse en París contra os ocupantes alemáns, contando coa colaboración da 2ª División Blindada do xeneral Leclerc. Aquí destacou a compañía “La Nueve”, composta case exclusivamente por combatentes españois. Co gallo deste aniversario, a Concellaría da Memoria Histórica da Pobra do Caramiñal organizou un acto de homenaxe a estes soldados,  que fixo extensivo tamén ao exilio republicano. Alí déronse cita o alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira da Memoria Histórica, Patricia Lojo; Juan Galán, biógrafo do soldado da Pobra no exército vasco Joaquín Fernández Millán; Virginia Fernández, neta deste combatente; familiares de exiliados republicanos, asociacións memorialistas e veciñanza.

 

“Reunímonos aquí para render tributo á memoria daqueles homes e mulleres que, defendendo os ideais de liberdade, xustiza e democracia, foron obrigados a emprender o duro camiño do exilio.” Con estas palabras comezaba a edil para despois continuar explicando que “o exilio republicano non foi simplemente unha partida forzada; é unha cicatriz profunda na nosa historia. Centos de miles de españois víronse obrigados a abandonar o seu fogar trala Guerra Civil, levando consigo a dor da derrota, a separación das súas familias e un futuro incerto. Moitos deles atoparon refuxio en terras estranxeiras, pero os seus corazóns nunca deixaron de latir ao compás da España que soñaban ver libre de opresión.” Neste contexto, xurdiu a compañía “La Nueve”, a través de quen “seguimos recordando que a liberdade e a xustiza non son concesións, senón conquistas polas que debemos seguir traballando día a día” para finalizar remarcando que “o recordo da súa loita nos inspire a seguir construíndo unha sociedade máis xusta, democrática e solidaria. Unha sociedade na que xamais se volva a repetir a dor da guerra nin o desgarro do exilio.”

 

Precisamente, como declarou Juan Galán, foi esa unidade a primeira en chegar a París e liberar a casa do concello da capital cos homes montados en tanquetas que levaban nomes tan significativos como Guernika, Teruel, Ebro ou Guadalajara, E aquí lembrou tamén a dureza da Guerra Civil e do exilio. “A Retirada, como así se chama este éxodo de proporcións case bíblicas, baleirou España de poetas e intelectuais, da súa mellor xente”, manifestou, como Antonio Machado ou Rafael Dieste. Pero tamén quixo recordar a todos eses homes e mulleres, “que non teñen voz e non adoitan aparecer nos libros de historia” e que foron levados á forza a campos de internamento por ser vencidos na República ou conseguiron escapar á represión.

 

Chegado este punto, referiuse a Joaquín Fernández Millán, veciño da Pobra, representado no acto por parte da súa familia. Este home loitou activamente durante a guerra no bando republicano, chegando a ingresar como voluntario nas milicias comunistas de San Sebastián (as MAOC). Ferido por metralla, no mes de outubro de 1936, acabou refuxiándose en Olot (Girona), no verán de 1937, onde comezou a crear a súa propia familia e, durante a Retirada, pasou a fronteira a principios de febreiro de 1939,  dando inicio ao seu particular calvario: separado da súa muller e do seu fillo, recluído durante os anos da II Guerra Mundial en diversos campos de concentración franceses, man de obra semiescrava entre 1943 e 1944 para a organización Todt na base submarina de Burdeos e, trala liberación desta cidade, marchou a Estrasburgo para residir finalmente en París coa súa muller ata o seu falecemento no 1982.

 

“O que estamos a facer hoxe aquí é tornar a nosa mirada ao pasado, contando sucesos e xulgándoos. A memoria histórica democrática non caduca co paso do tempo, senón que é necesaria”, puntualizou Galán.

 

A neta de Joaquín Fernández Millán, Virginia Fernández, achegou o seu punto de vista persoal. Rememorou o pasado do seu avó e como Juan Galán se converteu en biógrafo do seu antepasado. Tamén falou da súa experiencia persoal coa memoria histórica, da falta de información nos libros de texto franceses sobre a Guerra Civil e os horrores que pasaron moitos españois. Xa co remate da ditadura en España, tras case 40 anos de exilio, seu avó tivo a oportunidade de, con 67 anos de idade, regresar ao seu Maño natal e coñecer España como democracia. Pero optou por non quedar no seu país pola espiña que tiña cravada por todo o vivido.

 

“Esa foi a vida do avó Joaquín. Moitos morreron polo camiño, non só pola loita e fusilamentos, senón tamén polas malas condicións de vida. Outros emigraron para América, outros uníronse ás forzas aliadas. Hai 80 anos, en xuño de 1944, os americanos desembarcaron en Normandía. Hai 80 anos, en agosto de 1944, os franceses e as forzas aliadas liberaron París, así viña nos meus libros de historia. Non é ata o 2004, 60 anos despois, que a cidade de París realizou a homenaxe adecuada aos españois da División Leclerc, da compañía “La Nueve”, primeira unidade en entrar na capital para a súa liberación. Hoxe a mágoa é que pasaron moitos anos, que practicamente non quedan republicanos exiliados e que moitos non recibiron nunca ningún recoñecemento. Nin as grazas. A todos eles quixera dicirlles que si, que sabemos que existiron, que estamos orgullosos deles e que tiñan razón: a democracia era e é o camiño correcto”, subliñou.

 

O grupo Barahúnda encargouse de amenizar esta xornada que finalizou coa ofrenda floral e foto grupal a carón da escultura pola memoria histórica situada nos Xardíns de Valle-Inclán.