― Este servizo itinerante -que complementa as oficinas permanentes de Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo- ofrece un amplo abano de servizos deseñados para atender as demandas e necesidades específicas das persoas retornadas
― O Goberno galego reafirma así o seu compromiso con facilitar o retorno e a integración dos galegos e as súas familias, fortalecendo os vínculos coa comunidade galega en todo o mundo
― Todo no marco da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, que dispón dun orzamento de máis de 450 millóns de euros co obxectivo de facilitar o regreso á nosa terra
A Oficina móbil de retorno está a cumprir o seu obxectivo de achegar un servizo de información e asesoramento especializado ás persoas emigrantes retornadas a Galicia e ás súas familias. Despois de percorrer 76 concellos das catro provincias en menos dun ano e de asesorar a centos de familias, esta iniciativa pioneira consolídase como un recurso clave para facilitar o proceso de reintegración dos galegos que deciden volver ao seu lugar de orixe.
Este servizo itinerante -que complementa as oficinas permanentes situadas en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo- ofrece un amplo abano de servizos deseñados para atender as demandas e necesidades específicas das persoas retornadas. Entre eles, o asesoramento personalizado para un retorno exitoso, información sobre programas de retorno para facilitar a adaptación a Galicia, xestión de trámites necesarios para o retorno, orientación laboral e profesional e soporte en materia de vivenda e educación.
Esta iniciativa, cofinanciada co Fondo Social Europeo, continuará avanzando nas próximas semanas co gallo de garantir un retorno digno e frutífero para a comunidade emigrante galega. Enmárcase na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, que dispón dun orzamento de máis de 450 millóns de euros co obxectivo de facilitar o regreso de milleiros de galegos e das súas familias.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración -a través da Secretaría Xeral da Emigración- reafirma con esta oficina o seu compromiso co retorno e coa integración dos galegos e das súas familias, fortalecendo os vínculos coa comunidade galega no mundo. A Oficina móbil de retorno demostra ser unha ferramenta esencial nesta tarefa, achegando os servizos directamente ás persoas interesadas, especialmente a aquelas que se atopan lonxe das sedes fixas.