Monday 25 de November de 2024

A praza da Tolerancia acolle este domingo o mercado sostible, que incluirá un concerto especial en lembranza da artista británica Amy Winehouse


O Concello promove mañá un amplo abano de actividades para todos os públicos no barrio de Labañou, onde ademais de postos de venda tamén se habilitará un espazo de dinamización infantil e haberá obradoiros creativos

O Concello da Coruña promove unha fin de semana máis o mercado sostible municipal, que volve este domingo á praza de Tolerancia, no barrio de Labañou, cun amplo abano de actividades para todos os públicos e diversos postos onde comercios e cooperativas de proximidade porán á venda os seus produtos.

Os mercados sostibles teñen como temáticas principais a sostibilidade, a economía circular e a compra responsable, aplicando a regra das 4R (reducir, reutilizar, reciclar e recuperar). Neste sentido, o Goberno de Inés Rey está a impulsar un formato rotativo que permite difundir por toda a cidade a filosofía deste tipo de compra, chegando a todos os distritos.

A programación prevista mañá inclúe propostas de ocio para as crianzas e tamén para o público adulto. De 10.00 a 15.00 horas habilitarase un espazo de dinamización infantil e outro para o troco de roupa, xa entre as 11.30 e 12.30 horas, terá lugar un obradoiro creativo no que as nenas e nenos poderán aprender a elaborar xoaniñas de xoguete mediante materiais reciclados. A participación no obradoiro é de balde, mais será preciso formalizar inscrición previa no propio mercado, con 15 prazas como máximo.

A xornada de actividades rematará ao mediodía cun concerto especial da agrupación Black, un proxecto musical que está a percorrer Galicia interpretando grandes éxitos da música negra, con énfase no xénero soul. No caso deste domingo, as persoas asistentes poderán gozar dun tributo en lembranza da artista británica Amy Winehouse. A actuación comezará ás 13.00 horas na praza da Tolerancia, con asistencia de balde.