Friday 22 de November de 2024

Pilar Lueiro salienta a colaboración do Concello de Santiago nas festas parroquiais e destaca o seu papel como “dinamizador das comunidades”


A Concelleira de Festas e Relacións Veciñais reafirma o compromiso do Concello de Santiago co desenvolvemento das festas parroquiais e dos barrios

Pilar Lueiro destacou a importante colaboración do Concello de Santiago coas festas parroquiais e dos barrios da cidade e reivindicou o papel destas como “dinamizador das comunidades”.
“As festas son moito máis que simples celebracións, son unha oportunidade de fortalecer o tecido social e un gran motor para o desenvolvemento económico”, asegurou a concelleira de Festas e Relacións Veciñais.

O Concello de Santiago aposta polo investimento nestes eventos porque, tal e como asegurou Lueiro, “reafirman a nosa identidade colectiva a preservan as tradicións”. Segundo a concelleira, un dos principais obxectivos da colaboración coas festas parroquiais é adaptar esas tradicións aos tempos modernos, asegurando a continuidade destas para as futuras xeracións.
Este obxectivo refórzao o Concello de Santiago colaborando asiduamente con actuacións de grupos musicais actuais, aluguer de inchables para a cativada, asociacións de gaiteiros e bailes tradicionais, xogos populares, etc. “Este ano quixemos facilitarlle o traballo ás comisións de festas e asociacións evitando a entrega de papelame e comprobantes de pagamento, só tiñan que entregar unha solicitude cuberta”, engadiu Pilar Lueiro.

A concelleira de Festas e Relacións Veciñais salientou o afán do Concello de Santiago para que “xente de todas as idades poida compartir e gozar dos eventos, involucrando a todos os sectores da sociedade e apostando por un ocio diverso e inclusivo”.