Friday 22 de November de 2024

O Concello reforza a súa oferta de emprego público coa convocatoria de 24 prazas de auxiliar administrativo, por quenda libre


Do total de prazas ofertadas, hai cinco reservadas especificamente á quenda de persoas con dispacidade

O Concello da Coruña aprobará este mes a convocatoria do proceso selectivo para a cobertura de 24 prazas de auxiliar administrativo, por quenda libre, ás que poden acceder todos os opositores que cumpran os requisitos.

Neste sentido, as 24 prazas de auxiliar administrativo correspóndense ao subgrupo C2 da escala de Administración xeral, subescala auxiliar. Cómpre destacar que, do total de prazas ofertadas, hai cinco reservadas especificamente á quenda de persoas con dispacidade.

As bases publicaranse nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na páxina web do Concello da Coruña. Unha vez que estean dispoñibles, abrirase un prazo de presentación de solicitudes de 20 días hábiles, a contar a partir do día seguinte da publicación do anuncio do extracto da convocatoria no BOE.

Desta forma, o Concello continúa apostando pola creación pública de emprego, dando prioridade as áreas que prestan servizos esenciais.
“Esta nova convocatoria expón unha vez máis o compromiso amosado polo Goberno de Inés Rey coa mellora dos servizos municipais, así como co emprego público e a dinamización económica”, apuntou hoxe o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage.