“Para consolidarnos como un Concello con valores e orgullo de pertenza debemos implicarnos no día a día da xente e mellorar a súa calidade de vida. Nese sentido actúa este servizo”, apunta Sergio Platas
Trátase dunha asistencia aberta a toda a veciñanza maior de 60 anos, con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade socioeconómica
O Concello de Paderne retomou a mediados de agosto o servizo de Podoloxía gratuíta, unha das prestacións con máis demanda dentro do programa de Servizos Sociais desenvolvido polo actual equipo de goberno. Actualmente, son 222 as persoas usuarias inscritas e o formulario continúa aberto para toda aquela xente maior de 60 anos que non realice actividade laboral. Tamén se pode solicitar esta asistencia para persoas con discapacidade e dependencia recoñecidas ou en situación de vulnerabilidade socioeconómica.
“A Podoloxía está a ser un servizo de moito éxito. Desde o Concello facemos un esforzo importante para responder á alta demanda sen estender en exceso o período entre cita e cita. Estamos a conseguir que así sexa grazas ao excepcional traballo da podóloga e á boa organización e xestión da prestación por parte da área de Servizos Sociais”, apunta o alcalde, Sergio Platas.
O rexedor explica que a Podoloxía é só unha pata máis dentro dun completo programa que busca atender do mellor xeito posible á poboación de máis idade do municipio, así como ás persoas dependentes ou en peor situación económica. “Dentro das súas posibilidades, o Concello debe amosar a máxima proximidade coa veciñanza. Nós entendemos que para consolidarnos como un municipio con valores e orgullo de pertenza debemos estar moi preto da nosa xente. Implicarnos no seu día a día e mellorar a súa calidade de vida. Moitas veces, a Podoloxía é a gran esquecida dentro da saúde. E outras, trátase dun servizo ao que non todas as familias poden acceder. Por iso entendemos que é unha oferta fundamental”, expresa Platas.
A prestación xa foi ofrecida desde setembro ata decembro do ano 2023. Posteriormente, recuperouse en abril ata xuño. E agora, tras unhas pequenas e necesarias vacacións de verán, retómase antes de que ‘comece o curso’ para responder do mellor xeito posible a demanda dos veciños e veciñas.
A prestación ofrécese nunha sala habilitada na Casa Consistorial os luns e martes en horario matinal, ademais das tardes dos mércores. A maiores, no caso de que o usuario ou usuaria en cuestión teña problemas de mobilidade, a asistencia pode ofrecerse no domicilio particular.
“A Podoloxía únese ao préstamo de equipamento técnico asistencial de todo tipo. De feito, estamos en vías de adquirir novo material para a súa cesión gratuíta. Pero tamén seguimos traballando en iniciativas que facemos ao longo do ano para asistir aos nosos e as nosas maiores e as persoas con necesidades de todo tipo”, especifica Marisa Abrodos, concelleira de Servizos Sociais.