Na campaña informarase a pé de rúa sobre os múltiples atractivos e recursos cos que conta Compostela máis alá da Cidade Histórica, incluindo un apartado destacado para o Ensanche.
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, reuniuse no Pazo de Raxoi co equipo que informará ás persoas que visiten a cidade sobre os obxectivos da campaña “Fráxil”. Na xuntanza, a alcaldesa transmitiulles a idea de que, aínda que a campaña se dirixe ás persoas que fan o Camiño, turistas e visitantes, en realidade “está pensada para a xente que vive aquí, para garantir o equilibro e a convivencia entre as persoas que nos visitan e a veciñanza”.
O obxectivo final, segundo Goretti Sanmartín, é seguir traballando “para cambiar o modelo turístico, apostar por un modelo turístico de calidade, un modelo turístico que teña un piar na sustentabilidade, no respeto, na concienciación e na sensabilización”.
Durante os vindeiros 45 días, cinco parellas informarán a pé de rúa ás persoas que veñen facendo o Camiño de Santiago, turistas e visitantes, sobre o dereito que teñen de gozar do noso Patrimonio e a obriga que teñen de coidalo e respetar a vida cotiá da veciñanza.
A primeira fase da campaña comezou en xullo cun reparto de diferentes materiais en máis de 100 albergues, comercios e locais de hostalaría. Este ano o reparto de materiais fíxose non só no propio Concello, senón tamén en albergues dos últimos tramos dos diferentes Camiños. En concreto, no Camiño Francés, en Melide, Arzúa e O Pino; no Camiño Inglés en Oroso; Camiño Portugués en Padrón e Ames; e na Vía da Prata Silleda, A Estrada, Vedra e Boqueixón.
Para a realización desta segunda fase escolléronse estas datas da segunda quincena de agosto e setembro porque precisamente son as datas nas que maior número de peregrinos e peregrinas recibe a cidade. Así, en agosto e setembro do 2023 entregáronse preto de 70.000 Compostelas mensuais, mentras que en xullo foron algo menos de 60.000.
As parellas que informarán a pé de rúa ubicaranse de 09.00 a 13.00 horas nas catro entradas do Camiño de Santiago: Francés, Portugués, Inglés e Vía da Prata, e nos principais puntos turísticos do Casco Histórico, especialmente nas catro prazas da Catedral. Estableceranse unha serie de quendas para que podan informar de xeito directo ao maior número de posible de persoas que visitan a cidade.
Estas parellas contarán cunhas tablets coas que informarán de xeito sinxelo e ameno sobre o obxectivo da campaña Fráxil e o Código de Boas Prácticas Turísticas, incluindo a necesidade de reducir os niveis de ruido que se fan, especialmente no caso dos grandes grupos.
Pero, ademais, estas parellas tamén darán información sobre outros puntos de interese de Compostela fóra do Casco Histórico, cun novo material elaborado para destacar que os atractivos de Santiago van moito máis alá dos que se poden atopar na amendoa, co obxectivo de deslocalizar os fluxos turísticos na cidade e aumentar a estadía media das persoas que nos visitan.
Tamén haberá unha información específica sobre o Ensanche compostelán, destacando dúas razóns para coñecelo: por unha banda, para visitar o lugar onde naceu Rosalía de Castro, que sirve como punto introductorio para a “Ruta Rosaliana”; e por outra para coñecer e mercar no seu comercio local, que conta cunha ampla e diversa oferta.