Os ordenses “Un día no ártico” e “Os xenerais do Entroido”, grandes gañadores dos premios na modalidade comparsa adultos e infantil
Máis de 1.500 persoas ateigaron o polideportivo municipal de Sigüeiro para participar no Concurso de Disfraces e gran festa de Entroido do Concello de Oroso, que tivo lugar na tarde noite do sábado. Un polideportivo que centralizou todas as actividades do Entroido orosá, xa que a choiva impediu a celebración do desfile polas rúas de Sigüeiro pero non minguou as gañas de festa dun público que, ademais do concurso, puido gozar dunha festa con inchables, animación musical e un chocolate con churros de balde.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, foi o encargado de entregar os máis de 3.000 euros en premios aos gañadores do concurso, no que tomaron parte algo máis de cen persoas. Unha entrega na que estivo acompañado polos concelleiros de Cultura, Luís Rey; Seguridade Cidadá, Antonio Leira; Ensino, Beatriz Rodeiro; Turismo, Vanesa Boo; e Muller, María del Carmen Liste.
Premiados
A gran gañadora da noite foi a comparsa “Un día no ártico”, conformada por veciños e veciñas de Ordes, e que levou o premio de 500 euros tras sorprender ao público coa súa divertida posta en escena da vida duns esquimós, cos seus trineos tirados por cans e rodeados por pingüíns e osos polares. Os finalistas desta categoría tamén chegaron de Ordes, concretamente do barrio de Poulo: “Os espantallos do avó Xan”, que levaron 300 euros caracterizados como espantallos que danzaban para evitar que uns corvos lles comeran o grao. O premio especial de 150 euros á mellor comparsa de veciños e veciñas de Oroso foi para “Diamantes de corda”, protagonizada por veciños de distintas idades.
Na modalidade de grupos, o triunfo e os 350 euros foron para “O Dracotauro”, unha das presentacións máis aplaudidas da noite; mentres que o grupo finalista chegou exitoso de Arzúa: “Os pingüíns do monte”, que levou os 220 euros do premio. Finalmente, na modalidade individual, o xurado premiou a un impresionante “Minotauro” con 250 euros; e a “O anano de Mazinger Z”, con 180 euros.
Categoría infantil
Na categoría infantil, o primeiro premio de 350 euros marchou tamén para Ordes con “Os xenerais do Entroido”, que repetiron o triunfo acadado previamente en Arzúa. O finalista foi a comparsa local “Escola de samba: as crianzas de Oroso”, que levou 200 euros cos seus divertidos bailes de entroido. Na modalidade de grupo, os premios foron para “Loly Pop” (220 euros) e “Apóstolos de papel de Sargadelos” (150 euros). Por último, na modalidade individual triunfou o disfrace “A raiña da colmea”, seguido por “Masterchef Junior”, cuns premios de 180 e 120 euros, respectivamente.