Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Malpica celebrará as súas agardadas e desexadas Festas do Mar esta fin de semana


• O Concello, en sintonía coa ACD Mallas de Area, asume a organización destes festexos

• O programa conta con pasarrúas a cargo do grupo de gaiteiros ‘Falso Escuadro’ e a actuación da disco móbil ECB, o Dúo Calú e O Tren da Unha

• O domingo, ás 17:30 horas, terá lugar a procesión marítima na honra á Virxe do Carme

O Concello de Malpica celebra esta fin de semana, entre o 24 e o 25 do agosto, as súas agardadas e desexadas Festas do Mar.

Tras o cese da actividade do anterior concelleiro da área, desde o goberno local mantiveron unha reunión coa ACD Mallas da Area, entidade que até o momento se encargaba da organización dos festexos, para buscar unha alternativa e que estes puideran levarse a cabo.

A celebración comezará o sábado, 24 de agosto, ás 10:00 horas, co pasarrúas a cargo da agrupación de gaiteiros ‘Falso Escuadro’.

Xa pola tarde, ás 20:30 horas, dará comezo a ‘preverbena’ no centro coa Disco Móbil ECB. Trátase dunha iniciativa promovida por eles mesmos, en colaboración da Confraría de Pescadores, e actuarán de maneira completamente gratuíta.

O peche desta xornada estará protagonizado por unha gran verbena no centro da man do Dúo Calú, a partir das 23:00 horas.

O segundo día de celebración será o domingo, 25 de agosto, que comezará, igualmente, ás 10:00 horas cun pasarrúas polo municipio co mesmo grupo de gaiteiros.

Ás 13:30 horas celebrarase, no centro, a sesión vermú, que estará amenizada polo grupo ‘O Tren da Unha’.

Xa pola tarde, ás 17:30 horas, será a quenda dun dos momentos máis emotivos e agardados destas festas: a procesión marítima. Sairá do porto de Malpica a esta hora e farase a tradicional ofrenda á virxe do Carme, patroa dos mariñeiros.

Deste xeito, a programación súmase á xa presentada polos locais de hostalaría co obxectivo de crear unha sinerxía entre entidades en beneficio do municipio.

O alcalde, Eduardo Parga, adiantou que nestes días “mantivemos varias reunións coa comisión de festas e, por fin, as relacións van no bo camiño. Con diálogo puidemos chegar ao acordo de que este ano sería o Concello o que asumira a organización destes festexos por e para Malpica” e “aínda que non quixeron ser eles os que montaran as barras, mostráronnos a súa aceptación para esta colaboración, así que é un paso adiante moi importante para que veciñanza e visitantes poidan gozar un anos máis dun evento tan sinalado para a nosa localidade”.

Por último, o rexedor mostrou o seu agradecemento “a todas as persoas que puxeron o seu grao de area para que estas festas sexan posibles”.