— A través destas actuacións respóndese ás demandas de escolarización de zonas con maior dinamismo demográfico coa construción de novos edificios e aulas
— Outro dos eidos de actuacións son os talleres de FP, cunha matrícula crecente e dotación de espazos equipados para ciclos cada vez máis tecnificados
— Adáptanse os centros aos cambios sociais, con novos espazos de aprendizaxe para metodoloxías innovadoras, bibliotecas más amplas ou pistas deportivas cubertas
A Xunta está a ampliar un total de 43 centros de ensino cun investimento de case 68M€ para atender as necesidades de matrícula e de formación do alumnado. Faino ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para adaptar as instalacións educativas ás novas realidades do ensino na actualidade. Así o explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita ao novo edificio de talleres de Formación Profesional do Instituto IES Antón Losada Diéguez, na Estrada.
O titular de Educación da Xunta explicou que con estas actuacións de ampliación “se atenden as necesidades de escolarización de zonas con maior dinamismo demográfico”. Neste senso, detallou que a Consellería -da man dos concellos- analiza as previsións e necesidades de matrícula das diferentes zonas para dotalas das infraestruturas precisas.
Grazas a isto créanse prazas para matriculación de novos alumnos en Infantil e Primaria alí onde son necesarias e facilítase que os alumnos poidan realizar o ensino Secundario e o Bacharelato sen desprazarse a outros concellos. Tamén se amplían talleres de FP para atender o notable incremento de alumnado experimentado nos últimos anos.
“As actuacións de ampliación serven para dar adaptar os centros aos novos tempos, con espazos con novos enfoques pedagóxicos para distintas metodoloxías de aprendizaxe innovadoras, o que inclúe bibliotecas más amplas, pistas deportivas cubertas e espazos de lecer”, enumerou o conselleiro durante a visita ás obras en marcha na Estrada.
Investimento nas catro provincias
Por provincias, as que concentran máis actuacións de ampliación, en consonancia cun maior número de alumnos matriculados, son as da Coruña (16 actuacións por 23,5M€) e Pontevedra (15 ampliacións por 29,2M€). En Lugo estanse a ampliar catro centros por importe de 3,9M€ e en Ourense un total de oito, cun orzamento de máis de 11,1M€.
No referido ao estado das actuacións, oito delas están rematadas, cun investimento de máis de 10,9M€, e outras 20 están en marcha, cun orzamento de 38,1M€. Ademais, están xa programadas outras 15 ampliacións, nas que se prevé un investimento de -como mínimo- 18,6M€, cifra que medrará cando se avance na súa planificación administrativa, dado que aínda hai varias cuxo orzamento está a determinarse por parte dos técnicos.
Aposta pola mellora do ensino
No caso concreto da visita de hoxe na Estrada, o conselleiro sinalou que a obra forma parte das ampliacións no eido de FP, que dá resposta ao “gran incremento da matrícula e ás necesidades de espazos totalmente equipados para impartir uns ciclos cada vez máis tecnificados”. “Estamos a dotar os centros de FP de máis e mellores espazos, no marco da aposta que a Xunta mantén desde hai máis dunha década con estas ensinanzas, cuxa prestixio medra día a día e cuxas cifras están en récords históricos”, destacou.
O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que neste ano 2024 remata o vixente Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, malia que algunhas obras programadas ao seu abeiro continuarán executándose dada a grande envergadura de moitas delas.
RELACIÓN DE AMPLIACIÓNS REMATADAS, EN MARCHA E PROGRAMADAS
PROVINCIA
|
CONCELLO | CENTRO | IMPORTE |
REMATADAS | |||
Coruña, A | Oleiros | CEIP Juana de Vega | 100.738,82 € |
Lugo | Lugo | IES Sanxillao | 1.804.936,95 € |
Lugo | Lugo | CIFP Politécnico | 1.223.178,11 € |
Lugo | Sarria | IES Xograr Afonso Gómez | 276.172,92 € |
Ourense | Ourense | IES Xesús Ferro Couselo | 3.263.614,39 € |
Pontevedra | Mos | IES de Mos | 758.261,93 € |
Pontevedra | Pontevedra | CIFP Carlos Oroza | 2.789.252,92 € |
Pontevedra | Pontevedra | IES Luís Seoane | 722.890,30 € |
EN MARCHA | |||
Coruña, A | Ames | CEIP Agro do Muíño | 3.441.359,56 € |
Coruña, A | Ares | CPI As Mirandas | 3.069.035,68 € |
Coruña, A | Arteixo | IES de Pastoriza | 2.142.308,93 € |
Coruña, A | Coruña, A | IES Plurilingüe Elviña | 440.175,68 € |
Coruña, A | Fisterra | CEIP Mar de Fóra | 951.142,34 € |
Coruña, A | Oleiros | IES Miraflores | 480.373,48 € |
Coruña, A | Pontedeume | CIFP Fraga do Eume | 377.000,00 € |
Coruña, A | Santiago de Compostela | IES Eduardo Pondal | 3.116.839,59 |
Lugo | Chantada | IES Lama das Quendas | 558.051,16 € |
Ourense | Carballiño, O | IES Manuel Chamoso Lamas | 2.387.213,19 € |
Ourense | Ourense | CEIP Plurilingüe Inmaculada | 1.270.000,00 |
Ourense | Ourense | IES Eduardo Blanco Amor | 821.751,62 € |
Ourense | Vilamarín | CIFP de Vilamarín | 792.294,69 € |
Pontevedra | Baiona | EEI O Areal | 224.808,02 € |
Pontevedra | Caldas de Reis | IES Plurilingüe Aquis Celenis | 5.372.153,12 € |
Pontevedra | Estrada, A | IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez | 3.077.167,43 € |
Pontevedra | Pontevedra | EEI Concepción Crespo Rivas | 721.006,52 € |
Pontevedra | Redondela | IES Pedro Floriani | 1.888.821,10 € |
Pontevedra | Salceda de Caselas | IES Pedras Rubias | 3.319.158,56 € |
Pontevedra | Vilagarcía de Arousa | CIFP Fontecarmoa | 3.726.630,99 € |
PROGRAMADAS | |||
Coruña, A | Coruña, A | CIFP Imaxe e Son | 3.000.000,00 € |
Coruña, A | Coruña, A | IES Agra do Orzán | 1.250.000,00 € |
Coruña, A | Coruña, A | CIFP Paseo das Pontes | 500.000,00 € |
Coruña, A | Ferrol | CIFP Ferrolterra | 2.500.000,00 € |
Coruña, A | Ferrol | CIFP Leixa | 1.500.000,00 € |
Coruña, A | Ferrol | IES Ricardo Carvalho Calero | 650.000,00 € |
Coruña, A | Ferrol | IES Ferrol Vello | Por determinar |
Pontevedra | Cambados | CEIP San Tomé | 850.000,00 € |
Pontevedra | Grove, O | CEIP Rosalía de Castro | 2.600.000,00 € |
Pontevedra | Lalín | IES Ramón Mª Aller Ulloa | 2.500.000,00 € |
Ourense | Ourense | CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel | 1.625.000,00 € |
Ourense | Ourense | CIFP A Farixa | 967.261,00 € |
Ourense | Pereiro de Aguiar, O | CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey | Por determinar |
Pontevedra | Tomiño | IES Antón Alonso Ríos | Por determinar |
Pontevedra | Vilagarcía de Arousa | CEIP Plurilingüe Arealonga | 650.000,00 € |