Este espazo construirase aproveitando dous baixos comerciais baleiros situados a carón do acceso á biblioteca infantil. O Goberno de Inés Rey destina 425.000 euros á intervención, co obxectivo de modernizar a instalación
O Concello da Coruña licitou este venres as obras correspondentes ao plan de ampliación da biblioteca municipal da Sagrada Familia, unha intervención coa que o Goberno de Inés Rey avanza na posta en marcha dos investimentos máis destacados nos orzamentos deste ano en materia cultural.
Neste sentido, a ampliación da instalación levarase a cabo aproveitando dous locais comerciais anexos ao acceso principal á biblioteca infantil, na rúa Antonio Pereira, onde actualmente hai diversos baixos baleiros e carentes de actividade, que se remodelarán para incrementar a superficie de uso da biblioteca, co obxectivo de crear unha nova sala polivalente no seu interior.
Co inicio dos trámites necesarios para executar esta actuación, o Concello busca darlle resposta a unha demanda recorrente da veciñanza da Sagrada Familia e dos seus barrios próximos, atendendo as necesidades actuais da biblioteca e tamén das persoas usuarias, modernizando os espazos de uso da instalación para facilitar o desenvolvemento e posta en marcha de novas actividades, tanto formativas como de carácter participativo.
“A biblioteca da Sagrada Familia foi a pioneira da rede municipal e a que abriu camiño nos anos noventa ás que viñeron despois, como a de Estudos Locais, en Durán Loriga. O noso obxectivo é ir actualizando e mellorando todas e cada unha das instalacións atendendo ás súas especificidades. No caso da Sagrada Familia fíxose palpable a necesidade de contar con espazos máis versátiles. As obras que se executarán nos locais comerciais anexos irán nesa liña, creando unha sala diáfana, sen divisións verticais”, expuxo hoxe a alcaldesa, Inés Rey.
A remodelación dos baixos suporá a súa unión nunha única sala
Os dous locais comerciais onde se habilitará a nova sala polivalente da biblioteca uniranse nun só espazo. Para conseguilo, o Concello acometerá a demolición de todas as tabicarías e carpintarías existentes nos baixos, así como dos aseos existentes en cada un deles. Ademais, retiraranse todos os elementos que forman parte da fachada dos locais, mantendo soamente os seus elementos estruturais, con vistas á reforma posterior, para igualar a estética do espazo en sintonía coa da biblioteca.
O paso á futura sala polivalente, que será envidrada, habilitarase a través do cortaventos de acceso á biblioteca infantil.
O Concello destina máis de 425.000 euros a esta intervención.