Friday 22 de November de 2024

Unha trintena de estudantes de 9 a 17 anos participaron nos campamentos tecnolóxicos do proxecto CRI-TIC


As actividades, deseñadas pola Fundación Esplai, desenvolvéronse durante un mes na renovada Aula CeMIT, xestionada pola Concellaría de Innovación

Os campamentos tecnolóxicos organizados este verán polo Concello de Carballo en colaboración da Fundación Esplai en Galicia chegaron á súa fin.

Grazas ao proxecto CRI-TIC, unha trintena de nenos/as e adolescentes do noso concello puideron acudir durante todo un mes á Aula CeMIT para mellorar as súas competencias dixitais, coñecer as ferramentas precisas para usar a tecnoloxía de xeito responsable e consciente, previr as adiccións ás novas tecnoloxías ou identificar e previr o acoso a través da rede, e todo iso dun xeito moi lúdico. Ademais, nas sesións diarias impartidas pola monitora Irene Ferreira puideron entrar en contacto coa intelixencia artificial e a robótica, entre outros contidos.

O proxecto CRI-TIC, Infancia e mozas con criterio dixital, é unha iniciativa da Fundación Esplai en Galicia que ten como obxectivo principal favorecer a adquisición de competencias dixitais buscando garantir a inclusión dixital desde a infancia. Conscientes da importancia de inculcar na rapazada un uso responsable e seguro da tecnoloxía, o Concello de Carballo apostou pola participación no proxecto.

Completado o itinerario formativo de 30 horas, os alumnos e alumnas recibiron os diplomas acreditativos nun acto no que participou a concelleira de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade, Maica Ures.

Con esta actividade, ademais de mellorar as competencias dixitais da rapazada carballesa, recuperamos a actividade da Aula CeMIT, situada no primeiro andar do Pazo da Cultura, que forma parte da Rede de centros para a modernización e a inclusión tecnolóxica da Xunta de Galicia e que vén de ser equipada con novos ordenadores, ademais de impresora 3D, dron, etc. Coa finalidade de achegar o servizo a toda a cidadanía, a partir de outubro desenvolveranse neste espazo, xestionado pola Concellaría de Innovación, Formación e Emprego, actividades dirixidas a diferentes sectores sociais. Moi pronto presentaremos a programación para o curso 2024-25.