Saturday 16 de November de 2024

Gran participación na Festa de Entroido de Lousame, que desborda todas as previsións


Gran éxito de participación no Festival de Entroido do Concello de Lousame, celebrado no pavillón municipal “Pilar Barreiro Senra” (A Silva). Nesta ocasión, o mal tempo “acompañou” á festa, pois o feito de celebrarse totalmente a cuberto fixo que a tanto a asistencia como a participación no Desfile de Disfraces fose moito maior ca noutras edicións.

A desaparición do Concurso de Disfraces e a súa transformación nun Desfile de Disfraces, no que os premios se adxudicaban por sorteo e independentemente dos cartos investidos no disfraz, foi moi ben recibida pola veciñanza. De feito, o obxectivo de igualar os cen concursantes do ano pasado viuse moi superada, pois se rexistraron 161 participantes, tanto individuais como en grupo. Entre os premios que se sortearon entre todos eles figuraban unha tablet, un ipod, unha cámara DX Acción, reprodutores de MP4, un pack gaming, un lector de libros, lotes de libros, material deportivo, xoguetes, pulseiras fitness… e mesmo un dron.

Durante toda a tarde, o polideportivo municipal acolleu obradoiros de maquillaxe e globoflexia, así como inchables, unha sesión disco e zancudos. Paralelamente, seis veciñas voluntarias estiveron toda a tarde elaborando in situ filloas, que repartiron totalmente de balde entre os presentes, xunto a máis de trescentas orellas e medio milleiro de racións de chocolate quente, repartidas por participantes no programa de Voluntariado de Lousame.