Friday 22 de November de 2024

Convocada a quinta edición do concurso de empanadas da Festa do Pan de Neda


As persoas que presenten as tres mellores levarán vales regalo para canxear nas panaderías que participan ou colaboran no certame

A Festa do Pan de Neda, que se celebra o vindeiro 1 de setembro no paseo de Xuvia aposta novamente polo concurso de empanadas, lembra ao que se desenvolvía cando o certame se celebraba en Albarón. Dende este venres está aberto o prazo de inscrición. As tres mellores elaboracións levarán vales para gastar nas panaderías que participan ou colaboran nesta edición do certame, declarado Festa de Interese Turístico Galego.

Na competición, de carácter non profesional, poderán participar todas aquelas persoas maiores de idade que o desexen, sexan ou non de Neda. Poderán inscribirse ata o 30 de agosto, a través do teléfono 981 39 02 33 en horario de 10 a 14 horas ou do correo electrónico cultura@neda.gal (nome e apelidos, enderezo, DNI e teléfono de contacto).
Deberán preparar unha empanada de entre un e dous kg, que terán que entregar, entre as 11:30 e ás 12 horas, na carpa denominada “En lembranza a Albarón”. Alí quedará o produto a exposición ata que teña lugar a cata do xurado. Cada membro do xurado puntuará por separado as empanadas presentadas, valorando o sabor (ata seis puntos) e a presentación (ata dous). O veredicto darase a coñecer tras o pregón.

Haberá 3 premios, vales de 200, 150 e 100 euros respectivamente para mercar, nun prazo máximo de dous meses, produtos nas panaderías que participan ou colaboran na presente edición da Festa do Pan. Así pois, a medida busca agradecer a implicación na celebración de fornos como La Gallega, Modesto Hermida, Paca Castro Romero, Panificadora Germán e Santa Rita, ademais de J. Castro Hermanos e Viuda de A. Romero.