Thursday 21 de November de 2024

As festas do San Roque, en Naraío, tamén acollerán o XXXI Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño


As cadetes femininas do Racing de Ferrol e do Narón enfrontaranse o domingo pola mañá, mentres que pola tarde mediranse o equipo anfitrión, a UDC Narahío, e a ADC Moeche

 

Informabamos onte de que esta fin de semana Naraío está en festas e que como aperitivo teriamos o venres a segunda edición da Cronoescalada Sanrockeira. Pero é que, ademais da cita ciclista, a parroquia tamén acollerá o domingo os encontros do XXXI Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño. Un clásico que coincidiu practicamente sempre co San Roque e que en 2023 incorporou ao programa o fútbol feminino. Este ano serán as cadetes do Racing de Ferrol e do Narón quen abran o trofeo o domingo ás 11:30h, mentres que pola tarde, ás 18:30h, a UDC Narahío recibirá á ADC Moeche.

O partido da mañá entre as mozas do CD Narón e o Racing Club Ferrol seguramente sexa todo un espectáculo futbolístico pola calidade que teñen demostrado as xogadoras de ambas formacións, adscritas á liga galega cadete feminina.

Cabe agardar que tanto o equipo ferrolán como o naronés ofrezan un xogo moi rápido e técnico no que queda por ver quen o despregará con maior efectividade: un Narón máis consolidado, con máis canteira e máis experiencia, ou ben un Racing que aínda está tentando artellar a ala feminina do club. O resultado verémolo este domingo a partir das 11:30h no campo da Veiga.

O partido masculino entre a Unión Deportiva e Cultural Narahío e a Asociación Deportiva e Cultural Moeche xogarase tamén o domingo, pero á tardiña (18:30h). Ambos equipos aproveitarán o trofeo municipal para poñer a punto as súas respectivas escuadras de cara ao inicio da liga na segunda rexional a mediados de setembro.

Moeche e Narahío militan na mesma categoría, ao igual que o CF San Sadurniño, eterno rival dos locais ausente nesta edición do trofeo por desaxustes na súa axenda de partidos. Unha falla que non impedirá gozar dunha fantástica tarde de fútbol na Veiga pero que si nos privará dos apaixoantes derbis que o Sansa e o Narahío nos serviron ao longo da historia do trofeo municipal.

E tamén festa
O trofeo municipal xógase tradicionalmente durante o San Roque, en Naraío. Só en contadas ocasións -unha delas o ano pasado- o clásico e case sempre derbi local se desvinculou da celebración do “patrón” de Naraío.

Este ano as celebracións retrasáronse varios días con respecto ao que viña sendo habitual na parroquia. Algo que non impedirá, porén, disfrutar dun sábado e domingo de troula que comezará ambos días coas tradicionais alboradas, seguidas ao mediodía -tamén os dous días, a iso das 13:00h- de misa con procesión.

O sábado 24 a sesión vermú estará animada polo trío D’Nika, que tamén actuará pola noite na verbena alternando pases coa Foliada D’Ases. A parte musical do domingo 25 será cousa da Orquestra Los Españoles, tanto ao mediodía como pola noite.

Ruta histórica este venres
Sen saírmos de Naraío, lembramos que este venres á tardiña tamén se desenvolverá a II Cronoescalada Sanrockeira con preto dun cento de participantes. A proba poderá seguirse ao vivo a través do Facebook do club Biela e Chaveta desde as 18:15h.

Por outra banda, a partir das 15:00h o Concello de Moeche -coa colaboración do de San Sadurniño- organiza un percorrido entre o castelo de Naraío e a fortaleza situada en San Xurxo. Trátase dun itinerario de 14 quilómetros pola historia medieval da nosa zona que estará guiado polo técnico de Turismo Ramón Carballeira e no que tamén se verán múltiples elementos da arquitectura civil e relixiosa.

A ruta, de dificultade media-baixa, durará unhas catro horas e ten un prezo de 5€ para o seguro. As reservas poden facerse en turismo@moeche.gal até a mañá mesma do venres.