• O obxectivo desta obra é mellorar o firme, a drenaxe e a sinalización dunha vía que dá acceso a moitas parcelas de uso agropecuario.
O Concello de Ortigueira sacou a licitación a renovación do camiño que une os núcleos de Salgueirón e O Burgo por un importe de 113.800 euros. O obxectivo é mellorar o firme, a drenaxe e a sinalización dunha vía que dá acceso a moitas parcelas de uso agropecuario.
A actuación, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), dará un lavado para un camiño que se atopa deteriorado debido ao paso de vehículos pesados que se usan para varias explotacións agropecuarias da zona (aí están radicadas varias granxas de vacún) e para a extracción de recursos forestais.
Desta forma, contémplase facer unha limpeza de cunetas e un reasfaltado cunha tripla rega, así como unha actuación de mellora da seguridade e unha roza das cunetas, xestionando ademais os residuos xerados por esta limpeza.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, subliña que “non podemos esquecer que Ortigueira é un concello eminentemente rural e, para moitos dos nosos veciños e veciñas, é fundamental que os camiños e vías estean nun bo estado para que poidan acceder tanto ás súas vivendas como ás súas parcelas”.
Referíndose concretamente a esta actuación, Calvín destaca que “supoñerá unha mellora substancial para os usuarios e usuarias deste camiño, que conta no seu trazado con varias explotacións agrogandeiras que achegan valor ao tecido produtivo de Ortigueira e que merecen ter uns accesos en condicións, algo que lograremos despois desta reparación”.