Unha vintena de maiores dos Obradoiros da Memoria do Concello de Lousame celebraron na tarde do venres unha Festa de Entroido, que contou coa participación da alcaldesa Teresa Villaverde. A diferencia do ano anterior, na que todos viñeran disfrazados, nesta ocasión só se animaron un par de veciñas. Iso si, todos eles colaboraron coa festa achegando filloas, orellas e outros doces típicos destas datas.
Os Obradoiros da Memoria son unha actividade gratuíta dirixida a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas maiores de Lousame a través de actividades dirixidas a manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe. Unha iniciativa incluída dentro do Programa de Dinamización de Persoas Maiores e subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña.