Friday 22 de November de 2024

Concello e Xunta continuarán apostando pola formación para favorecer a insercción no mercado laboral cun novo obradoiro de emprego


Executarán obras de mellora do paseo fluvial do Anllóns, IES Agra de Leborís, centro sociocultural de Paiosaco, campos de fútbol Municipal e A Porta Santa, nave municipal do parque empresarial, mobiliario urbano e nova caseta para socorristas.

Concello da Laracha e Xunta de Galicia reforzan a súa decidida aposta polo desenvolvemento de políticas activas de emprego que ofrezan á cidadanía que se atopa en situación de desemprego a posibilidade de formarse en sectores con crecente demanda de traballadores cualificados co obxectivo de mellorar os seus coñecemento e capacidades para facilitar a súa inserción no mercado laboral.
Con esa finalidade vaise organizar un novo obradoiro dual de formación e emprego, o noveno que desenvolverá en solitario o Concello da Laracha co apoio económico da Consellería de Emprego, Comercio e Migración.

O Obradoiro de Emprego A Laracha IX presenta un orzamento superior aos 541.000 euros, dos cales a Xunta de Galicia achegará 412.000 euros e o Concello, 129.000. A isto súmanse outros 18.000 euros que a Consellería achegaría como incentivos á contratación do alumnado traballador por parte de empresas privadas unha vez completada a súa formación.

A duración do programa será de nove meses e constará de dúas especialidades: a de traballos en carpintería e moble e a de pintura industrial en construción. Do mesmo xeito que en anteriores obradoiros destas características, cada unha delas contará con dez alumnos traballadores, vinte persoas que durante ese período quedarán vinculadas ao Concello cun contrato de formación. Ademais de acceder a unha remuneración económica durante os nove meses e de realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza do termo municipal da Laracha, ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.

Entre as actuacións que acometerá o Obradoiro de Emprego A Laracha IX durante a fase práctica están a mellora do paseo fluvial do Anllóns, o peche perimetral do IES Agra de Leborís, construción e instalación de mobiliario urbano, intervencións de mellora no centro sociocultural de Paisoaco e na nave municipal do parque empresarial, obras de pintura nos campos de fútbol Municipal da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco e a creación dunha nova caseta modular para o servizo de salvamento e socorrismo na praia de Caión.

O Concello iniciará en próximas datas a fase de selección de persoal. No caso do alumnado-traballador, as persoas que desexen optar a un dos postos deben estar empadroadas no termo municipal da Laracha, ser maiores de idade e estar inscritas na súa oficina de emprego de referencia como demandantes de emprego e, ademais, como interesadas en participar en programas formativos como este obradoiro. Para a selección do director, docentes (un por cada especialidade), titor-formador, orientador-prospector laboral e auxiliar administrativo que estarán á fronte do obradoiro, farase a correspondente oferta pública de emprego.