O plano inclúe 20 atractivos de Compostela fóra do Casco Histórico para animar ás persoas que nos visitan a que amplíen a súa visita máis alá da Améndoa.
“Compostela e moito…máis. Descúbrea”, deste modo preséntase o novo plano ilustrado que vén de deseñar o Concello de Santiago de Compostela con dous obxectivos complementarios: por unha banda, para animar ás persoas que fan o Camiño de Santiago, turistas e excursionistas a que coñezan os múltiples atractivos cos que conta a cidade máis alá da cidade histórica; e, por outra banda, para incrementar a estadía media na cidade ao dar máis razóns para quedar e descubrir diferentes recursos en Compostela.
Este novo plano ilustrado intégrase como un elemento destacado dentro da Campaña Fráxil deste verán, xa que informa visualmente da súa mensaxe fundamental: Santiago de Compostela é unha cidade Patrimonio da Humanidade, que as persoas que nos visitan teñen o dereito a gozar, pero que tamén teñen a obriga de coidar. Neste sentido, é un paso máis cara o obxectivo de transformar o modelo turístico da cidade nun modelo de turismo consciente e responsable.
O plano presenta 20 lugares destacados do termo municipal que se atopan máis alá da cidade histórica e que paga a pena visitar, entre os que se atopan a Senda Mitolóxica do Monte Viso, a Colexiata de Sar , o Parque de Belvís, o Parque de San Domingos de Bonaval, o Auditorio de Galicia, o Paseo Fluvial do Sarela e o recente Miradoiro das Estrelas do Monte Pedroso.
O plano incluirase dentro do material informativo co que contarán as cinco parellas que informarán diariamente sobre a campaña Fráxil a partir deste venres e durante 45 días nas catro entradas do Camiño de Santiago na cidade, así como nos principias puntos de concentración de turistas e visitantes na cidade histórica, en especial nas catro prazas que rodean a Catedral.
O plano ilustrado pode consultarse tamén na na páxina web de Turismo de Santiago.