Thursday 21 de November de 2024

O Concello ponse do lado das traballadoras do SAF e critica a irresponsabilidade da concesionaria


● O goberno local sinala que ”a empresa gañou unha licitación, cunhas condicións marcadas e fíxoo facendo unha oferta cunha baixada considerable”.

● Desde o primeiro momento o Concello está do lado das traballadoras, buscando alternativas e solucións aínda que non son traballadoras municipais.

● O último intento, levando a pleno un dictame para resolver o contrato en contra dos informes de Secretaría e Intervención, non saíu adiante ao non ter o apoio do Partido Popular.

O Concello de Camariñas, como fixo desde o primeiro momento, quere amosar o seu total apoio ás reivindicacións das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) pero critica rotundamente a actitude irresponsable que está a manter a empresa concesionaria do servizo.

Desde o goberno local sinalan que “a empresa participou nunha licitación na que se ativo a uns pregos cunhas condicións e responsabilidades claramente marcadas” e que “gañou este proceso facendo unha oferta económica cunha baixada considerable sobre o prezo base”.

“Claramente a empresa non calculou ben os gastos e agora, en lugar de asumir a súa irresponsabilidade, quere poñer ás traballadoras en contra do Concello, que paga regularmente á concesionaria a cantidade resultante da adxudicación do contrato”, afirman.

O grupo de goberno manifesta a súa preocupación pola situación das traballadoras, que se ven afectadas polas malas prácticas que está a acometer unha empresa, e lembra que, a pesar de que non son persoal municipal e que a súa relación laboral é exclusivamente coa empresa, desde o Concello se lles axudou en todo momento, intentando buscar alternativas e solucións a esta situación.

O último intento foi o pasado 31 de xullo, cando o goberno local levou a pleno un dictame para resolver o contrato. Fíxoo a pesar de ter informes desfavorables de Secretaría e Intervención contra esta decisión, asumindo as posibles consecuencias que isto podería ter para o Concello.
En contra do que se manifesta no comunicado de UGT, o que se propuxo non foi unha contratación de emerxencia senón resolver o contrato e deixar o servizo en precario. Este intento non saíu adiante por non contar coa unanimidade requirida pola alcaldesa para poder tomar esta decisión en contra dos informes das habilitadas ao avanzar o grupo municipal do Partido Popular que se abstería.

Desde o goberno local queren lembrar que “as condicións dos traballadores e traballadoras foron sempre unha prioridade para nós” e lamentan que “a manifestación se leve a cabo na praza do Concello e non na Estrada ou no Allo na Ponte do Porto, onde ten a sede fiscal a empresa que é a que está incumprindo as súas obrigas nun contrato público”.

Agardan que “a concesionaria recapacite, asuma o seu erro no momento de presentación da oferta e cumpra as súas obrigacións coas súas traballadoras”.