Friday 22 de November de 2024

O Concello instalará Puntos Violetas nas festas de Santa Cruz


Con motivo da celebración desde mañá das festas de Santa Cruz, o Concello instalará Puntos Violetas as noites do venres, sábado, domingo, luns e martes, en horario de 23 a 3:30 horas. O Goberno municipal pretende así contribuír á prevención e actuar contra as violencias sexuais, LGTBIfóbicas e demais violencias machistas que se poidan dar.

Os Puntos Violeta son puntos de referencia, atención e acompañamento psicolóxico conformados por un equipo experto de profesionais na materia. Contan cun Protocolo de Actuación en caso de producirse calquera tipo de agresión sexual, LGTBIfóbica ou calquera outro tipo de agresión machista, en coordinación directa coas Forzas e Corpos de Seguridade, así como cos Servizos Sanitarios. Ademais, tamén son espazos de sensibilización abertos á cidadanía, nos que se proporciona material de sensibilización e información sobre os recursos e servizos municipais na materia, ademais de realizarse accións divulgativas adaptadas ás diferentes idades.