Dous tractores traballan para rematar a roza de 120 quilómetros de pistas de monte a mediados de setembro
O Concello de Frades vén de rematar a primeira fase dos traballos de roza dos máis de 600 quilómetros de pistas e estradas que compoñen a súa rede viaria municipal. Os traballos, que se acometeron cos dous tractores, permitiron rozar máis de 400 quilómetros de estradas no municipio.
“Levamos rozadas máis de catrocentos quilómetros de pistas. Empezamos a principios de maio e levamos rozadas unha vez todas as pistas asfaltadas de todas as parroquias, así como os eixos principais de comunicación en aglomerado de Frades”, explica Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Medio Rural e Limpeza Viaria, quen indica que “agora temos os dous tractores traballando nas pistas de monte, tamén como medida preventiva contra os lumes forestais”. A previsión é que a mediados de setembro estean rozadas outros 120 quilómetros de pistas de monte.
Estes traballos uniranse aos que vai acometer a Brigada de Incendios do Concello de Frades, composta por cinco persoas. Mentres non estean traballando na extinción de lumes forestais, esta brigada encargarase de rozar outras 17 hectáreas de terreos de propiedade municipal como medida preventiva contra os incendios.