Gran éxito da campaña “Selfie Estrela”, na que as oficinas de turismo están a repartir este verán 5.000 estrelas troqueladas entre os visitantes para promocionar o xeodestino nas redes sociais
O xeodestino edita unha nova tirada de 50.000 mapas cos recursos turísticos da Ría de Muros Noia en cinco idiomas diferentes: alemán, castelán, francés, galego e inglés
Gran éxito da campaña “Selfie Estrela” posta en marcha pola Ría da Estrela para promover o xeodestino a través das redes sociais. Durante estes meses de verán as oficinas de turismo de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son están a repartir 5.000 estrelas troqueladas de grandes dimensións entre todas as persoas que visitan a Ría da Estrela.
“O obxectivo era que utilizasen esas estrelas nas fotografías que tomaran durante as súas vacacións e que etiquetaran á Ría da Estrela nas publicacións que realizaban nas redes sociais, axudando así á difusión da imaxe da nosa ría. E o certo é que o estamos conseguindo”, explica José Antonio Marcote, responsable de comunicación da Ría de Muros Noia. Unha idea que xurdiu a principios de ano en FITUR, ao comprobar a boa acollida que tivo a nova marca. Un éxito que se repetiu posteriormente en Turexpo e nas accións de promoción realizadas en distintas cidades españolas.
“O símbolo da Ría da Estrela esperta moitas simpatías, xa que ten un grafismo sinxelo e representativo da nosa ría, cunha cor agradable e optimista e unha forma con bordes atenuados e suaves como a nosa ría e o carácter das súas xentes, así como unha punta por cada un dos cinco concellos que a compoñen: Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son”, apunta José Antonio Marcote. Estas estrelas poden solicitarse de balde nas oficinas de turismo dos cinco concellos, que as ofrecen baixo a lenda: “Selfie Estrela: pide a túa Estrela e comparte as túas fotos en RRSS”.
Mapas turísticos
Acompañando a esta campaña, a Ría da Estrela repartiu unha nova edición dos seus exitosos mapas turísticos en cinco idiomas diferentes, xa que en 2023 acordouse engadir o alemán, o francés e o inglés aos orixinais en galego e castelán debido ao significativo incremento dos turistas estranxeiros no xeodestino. Desta quenda, repartíronse 50.000 mapas en talonarios de 100 unidades nas oficinas de turismo dos cinco concellos, aloxamentos e empresas turísticas do xeodestino.
Estes mapas supoñen unha importante ferramenta de traballo tanto para as oficinas de turismo como para os establecementos da zona xa que recollen os principais atractivos culturais, paisaxísticos e patrimoniais da Ría da Estrela, así como as novas incorporacións, tales como o espectacular miradoiro do monte A Muralla (Lousame); o Estaleiro do Ciprián (Outes), rehabilitado en 2023 como museo da carpintería de ribeira; a fervenza da Ribasieira (Porto do Son); os Hórreos de Bornalle (Muros), un conxunto de 22 instalacións en pequenos grupos repartidos por todo o pobo; ou os antigos muíños da Pedrachán (Noia), un barrio da antiga cidade medieval noiesa.