Friday 22 de November de 2024

Diana Navarro e a Orquestra Xoven da Sinfónica de  Galicia pechan este xoves as actuacións no  escenario de María Pita 


O concerto, de entrada libre, comezará ás 21.00 horas 

Tras tres intensas semanas cunha ampla e variada oferta  musical, a Orquestra Xoven da Sinfónica de Galicia pechará os recitais da Semana Clásica e  as actuacións musicais da praza de María Pita, dentro da programación das Festas de María  Pita 2024. O Goberno de Inés Rey deseñou un programa para todo tipo de públicos e idades,  pasando da música máis actual aos grandes clásicos. 

Nesta ocasión, este xoves 22 a partir das 21.00 horas, a Orquestra Xoven da Sinfónica de  Galicia contará coa actuación especial de Diana Navarro e baixo a dirección de Julio Awad.  Diana Navarro é unha cantante, compositora e actriz malagueña, unha das grandes voces da  música andaluza, con nove discos, catros Discos de Ouro e unha candidatura ao Grammy  Latino. 

O repertorio será o seguinte: “24 Rosas”, “Adiós”, “Campanera”, “Desnuda vengo a ti”, “El  perdón”, “Eres tú”, “Los niños no”, “Mare mía”, “Menegilda”, “Mira lo que te has perdido”, “No  te olvides de mí”, “Ojos verdes”, “Olivia Ovidia”, “Sola” e “Tarántula”. O concerto será de  entrada gratuíta. 

Con esta actuación concluirá a Semana Clásica, unha das seccións máis tradicionais das  Festas de María Pita, que reúne cada ano ás principais orquestras e formacións de música  clásica e contemporánea na praza de María Pita. Nesta edición, cada formación ofreceu un  concerto especial: a Orquestra Sinfónica de Galicia e o seu Coro interpretaron a Novena de  Beethoven, a Banda Municipal de Música da Coruña ofreceu o espectáculo ‘A noite das  cancións extraordinarias’, a Orquestra GAOS actuou con Abraham Cupeiro e a Orquestra de  Cámara Galega fíxoo coa pianista Elisa D’Auria.