Friday 22 de November de 2024

O filme de animación “Os demos de barro” proxéctase este xoves na rúa Real de Neda


O programa Cine de verán despídese este xoves á noitiña coa proxección no casco histórico de Neda da película de animación “Os demos de barro”. A cinta vai dirixida ao público familiar.

A partir das 22 horas, a rúa Real, converterase, de forma efémera, nun cinema ao aire libre para desfrutar da sétima arte. Desta volta, a carteleira do programa municipal inclúe un filme luso-galaico, dirixido por Nuno Beato, que gañou dous premios Sophia da Academia Portuguesa de Cinema e foi finalista a mellor película de animación nos Goya.
“Os demos de barro” conta a historia de Rosa, unha destacada profesional do ámbito empresarial, que entra en shock tras a repentina morte do seu avó, do que se fóra distanciando a causa do seu absorbente traballo, e decide darlle unha volta á súa vida. Rosa deixa a cidade e embárcase na aventura de reencontrarse coa natureza e coas lembranzas da súa infancia, vivida xunto ao seu avó.

A película, destinada ao público infantil -de sete anos en diante- e ao adulto, chega á vila co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña.