Friday 22 de November de 2024

Montemaior acollerá o martes 27 de agosto un almorzo informativo do proxecto Aloumiños


A inscrición é gratuíta e debe formalizarse por teléfono ou correo electrónico.

O proxecto Aloumiños é unha iniciativa impulsada polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e o Sergas, co apoio do Ministerio de Sanidad, que procura fortalecer o tecido social e mellorar a saúde física e mental da poboación mediante a dinamización e a intervención sociocomunitaria. Vai especialmente dirixido a persoas maiores de 50 anos e tamén á terceira idade, pero o proxecto está aberto á participación de toda persoa interesada.

As actividades que promove están centradas na prevención e redución da soidade non desexada e a promoción das relacións sociais e veciñais, desenvolvéndose todas elas desde un enfoque transversal, participativo, reflexivo e transformador. Na programación destacan as andainas na natureza, sesións de benestar emocional, exercicios cardiovasculares, obradoiros sociosanitarios e outras actividades culturais, sociais e de lecer.

Aloumiños celebrará o martes 27 de agosto ás 11:00 h no centro sociocultural de Santa Margarida de Montemaior (antigo hospital dos peregrinos) un almorzo informativo para presentar o proxecto á cidadanía, explicar as actividades a realizar durante os próximos meses e facer unha primeira toma de contacto entre as persoas interesadas en participar para coñecerse entre elas. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse por teléfono chamando ao 696920923 ou enviando un correo electrónico a andrea.alouminos@ceesg.gal.

O Concello da Laracha apoia esta iniciativa por considerala de alto interese para tecer relacións sociais entre a cidadanía e favorecer o envellecemento activo da poboación larachesa, cos beneficios que iso implica para a saúde física, mental e o benestar persoal e social.