A XV Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal marca o inicio, no 25 de agosto, do VII Circuíto de Carreiras Populares Barbanza Arousa 4 carreiras, 1 meta.
Competirán numerosas categorías que van dende a sub-6 ata a máster 4, ademais da modalidade da Sapatilla Inclusiva. Neste senso, o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, explica que “congregará un nutrido número de atletas que contribuirán a unha cita deportiva do primeiro nivel que arranca no noso municipio. Aquí, conxugaranse paisaxe e deporte. Deste xeito, a través da actividade física tamén se potencia o turismo en escenarios de gran valor paisaxístico. E, no caso concreto da Pobra, optamos novamente pola fachada marítima do núcleo urbano.”
As saídas efectuaranse a partir das 10.45 horas dende a rúa Fernández Albor para que, sucesivamente, os/as corredores/as completen a distancia que lles corresponda. Logo de que conclúa, arredor das 13.30 horas, farase a entrega de premios no interior da praza do Alcalde Segundo Durán, lugar de meta. Outorgaránselles medallas a tódolos/tódalas participantes na sub-6 e sub-8, trofeos ós/ás tres primeiros/as clasificados/as por categoría e camiseta técnica para os/as participantes na proba absoluta. A maiores, repartiranse 910 euros en premios en metálico entre os/as cinco primeiros/as clasificados/as da xeral. E tamén se lle darán 400 euros (200 euros na modalidade feminina e 200 euros na masculina) á mellor marca.
O prazo de inscrición continúa aberto ata as 14.00 horas do día 22 de agosto a través da páxina web https://eventos.emesports.es/inscripcion/xv-carreira-popular-concello-da-pobra-do-caraminal/inscripcion_datos/. O trámite é de balde dende a sub-6 á sub-16 e na Sapatilla Inclusiva, mentres que o importe se estipula nos 6 euros da sub-18 á máster.
Esta proba conta tamén co apoio doutros organismos, como a Deputación da Coruña, por se adscribir ó X Circuíto Provincial de Carreiras Populares, a Federación Galega de Atletismo (FGA) e a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza.