• Os lugares nos que se actuará son Foxiños, Cernado, Canle, As Melgueiras e Cabanela
O Concello de Laxe adxudicou por 430.870,34 euros as obras de execución das redes de saneamento nos núcleos rurais de Foxiños, Cernado, Canle, As Melgueiras e Cabanela, na parroquia de Traba.
Na actualidade non existe rede de saneamento nestes lugares, resolvéndose mediante fosas sépticas particulares dos veciños e veciñas. Para cubrir estas carencias, executarase unha rede de saneamento de 5.365 metros liñais repartidos en 3.965 metros de colectores de saneamento e 1.400 metros de condución de impulsión.
Requírese, ademais, a instalación dun pozo de bombeo ata a parcela na que se pretende a execución da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) que estará localizada no lugar de Boaño.
Esta rede terá por obxecto a condución de augas fecais e mellorar a capa de rodadura nas vías baixo as que discorren as conducións. Por ende, unha vez finalizada a creación da rede de saneamento, procederase á reposición de firmes e pavimentos.
Dadas as características dos traballos, o prazo de execución previsto é de seis meses.
O alcalde, Francisco Charlín, salientou que se trata “dun paso adiante moi importante e no que levamos moito tempo traballando”, xa que permite “dotar de servizos públicos aos núcleos máis rurais, tentando equilibrar a dotación dos mesmos cos núcleos máis urbanos”.
O rexedor destacou que son traballos “que non se ven a simple vista, xa que quedan soterrados, pero que son de vital importancia para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza no seu día a día”.