As actuacións serán nos xardíns de Méndez Núñez e comezarán este mércores 21 ás 19.30 horas
Amizades actuará na praza de María Pita
O XXXIX Certame de Habaneras que comeza esta semana contará coa participación de 15 agrupacións corais da comarca. O Goberno de Inés Rey mantén na programación das Festas de María Pita os actos máis tradicionais como este certame, que o ano que vén cumprirá 40 edicións.
Haberá, deste mércores 21 ao domingo 25, un total de tres actuacións diarias nos xardíns de Méndez Núñez a partir das 19.30 horas. O Certame de Habaneras é unha das citas con máis tradición das festas de agosto xa que este ano alcanza xa a súa 39ª edición e reúne a algunhas das mellores corais e grupos musicais de Galicia.
Os coruñeses e as coruñesas poderán gozar das habaneras, un estilo musical mariñeiro orixinal de Cuba que creceu e desenvolveuse fundamentalmente en España e que conta cun grande seguimento na cidade.
Programa por días do Certame de Habaneras
- Mércores 21: Coral Sagrada Familia, Coral de Mera e El Acorde Secreto.
- Xoves 22: Coral Santo Ángel, Rondalla Vila das Pontes e Polifónica Coruñesa Canticorum.
- Venres 23: Coral La Antigua, Ludus Tonalis e Coro GAOS.
- Sábado 24: Orfeón Herculino, Sporting Club Casino e Coral Polifónica El Eco.
- Domingo 25: Tuna de Veteranos, Coral Santa Cruz e Coral Polifónica Follas Novas. 1
Nota de Prensa
Amizades, na praza de María Pita
Por outra banda, este mércores o grupo coruñés Amizades actuará a partir das 21.00 horas na praza de María Pita. O concerto será de balde e esta será a penúltima actuación na praza, que despedirá as festas este xoves coa Orquestra Xoven Sinfónica de Galicia con Diana Navarro, do programa da Semana Clásica.
O grupo Amizades naceu no ano 2002 a través da Asociación da Tuna de Veteranos da Coruña e está formado por diferentes voces e instrumentos que interpretan música folclóricas, boletos, baladas e algunhas creacións propias. Durante os seus máis de 20 anos de traxectoria coincidiron no escenario con artistas da talla de Miguel Bosé, Rocío Durcal, Los Panchos ou Café Quijano.