Friday 22 de November de 2024

A Xunta lembra que a regulación da posibilidade de intervir as confrarías administrativamente responde á petición oficial de varias delas e ao cumprimento dunha sentenza do TSXG


Esta posibilidade foi incluída na Lei de Medidas Fiscais e Administrativas aprobada en decembro de 2015 co fin de dar resposta a unha sentenza do ano 2009 e para poder dar unha solución rápida e satisfactoria ás peticións oficiais feitas por varios pósitos

Ante as acusacións xurdidas nos últimos días en relación coa aprobación dunha disposición adicional pertencente á Lei de Medidas de Acompañamento o pasado mes de decembro a través da cal se permite a intervención administrativa daquelas confrarías que estean a atravesar dificultades económicas e así o soliciten, a Consellería do Mar quere aclarar que esta regulación responde exclusivamente á necesidade de dar cumprimento xudicial a unha senteza, cubrir o baleiro legal existente ata o momento e poder dar dar solución rápida e satisfactoria ás peticións de intervención oficiais feitas por varios pósitos.

No ano 2009 unha sentenza do Tribunal Supremo anulou o artigo do Decreto de confrarías 261/2002, polo que se rexían as intervencións dos pósitos ata o momento, alegando que era preciso que unha norma con rango de lei regulase a intervención. Malia que no ano 2014 entrou en vigor o novo Decreto de confrarías (8/2014) que derogaba o anterior de 2002, o novo texto non cubría a obrigatoriedade establecida na sentenza de que unha normativa superior, neste caso unha Lei, fose a que regulase este aspecto.

Diante do contido da sentenza e do baleiro legal existente, a Consellería do Mar decidiu inicialmente engadir este proceso como unha disposición adicional dentro do anteproxecto de Lei de acuicultura de Galicia. Aínda que o contido da disposición adicional, neste caso a intervención das confrarías, non é un asunto relacionado en absoluto coa acuicultura, é preciso subliñar que engadir este tipo de disposicións adicionais é un procedemento habitual, común e totalmente legal no eido lexislativo.

Neste sentido, tendo en conta que o anteproxecto de Lei de Acuicultura –actualmente paralizado- era aínda un borrador exposto para alegacións e que requiría duns prazos para a súa tramitación e posterior entrada en vigor, a Consellería do Mar incluíu a posibilidade da intervención administrativa na Lei de Medidas Fiscais e Administrativas (Lei 13/2015) publicada pola Xunta a finais de ano, co fin de poder dar unha solución legal ás confrarías que solicitaron neste tempo poder ser intervidas pola Xunta.

Neste sentido, cabe lembrar que houbo algunha solicitude de confrarías de Galicia pediron oficialmente a intervención administrativa dos seus órganos de goberno debido a cuestións que teñen que ver coa situación económica das propias entidades. Ante estas solicitudes, a Xunta de Galicia regulou a intervención administrativa das confrarías para encher o baleiro legal que existía nesta materia e poder prestarlles a asistencia requirida dun xeito totalmente legal.