Friday 22 de November de 2024

Goretti Sanmartín, no acto en lembranza a Ánxel Casal: “este acto de memoria é necesario polo noso compromiso coa verdade, a xustiza e a dignidade de todas as persoas silenciadas”


Goretti Sanmartín asegurou que “a memoria histórica é de gran importancia” porque “axuda a resignificar os feitos a partir do presente poñendo en perspectiva o vivido no pasado”. Así o afirmou duranto o acto en lembranza a Ánxel Casal, alcalde de Santiago de Compostela no 1936, celebrado no Pazo de Raxoi no que tamén interviron o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril; e o edil Juan Jesús Cerqueiro en representación do Concello de Teo.

A alcaldesa destacou o labor de personalidades como Ánxel Casal ou María Miramontes, a súa compañeira de compromiso político e vida, que son “referentes para o noso país” grazas á súa loita. Sanmartín sinalou que “as lembranzas transfórmanse nos cimentos do futuro” e que, por iso, reivindicar a memoria histórica axuda a crear “a sociedade que busca este Goberno: máis libre, máis xusta e máis nosa”, asegurou a alcadesa.

Sanmartín manifestou a urxencia de “recordar” nas rúas, nas conversas, na cultura, nas aulas, pero tamén na política e nas propias administracións e sinalou o compromiso “coa reivindicación de que a memoria sexa unha parte viva da nosa identidade colectiva”.

No acto, ao que asistiron diversas asociacións e colectivos que traballan en prol da memoria histórica, tamén interviron Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa; e Juan Jesús Cerqueiro Pintos, concelleiro de Servizos Sociais e Relacións Veciñais do Concello de Teo; e contou coa presenza, entre outras autoridades, de Antonio López, reitor da USC; e Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego. A música estivo a cargo do grupo musical Carapaus.