Friday 22 de November de 2024

A Coruña recibiu a máis de 14.000 visitantes no seu espazo no Festival Intercéltico de Lorient


A cita reuniu ao longo de sete xornadas a 650.000 persoas

A oferta cultural e de ocio, así como os distintos medios para desplazarse ata a cidade foron as principais preguntas dos asistentes ao stand

Este domingo finalizaba o Festival Intercéltico de Lorient, que reuniu nas súas sete xornadas a máis de 650.000 persoas. A Coruña contou cun espazo propio dentro da ‘Place des Pays Celtes’ no que representou a Galicia como nación celta. Deste xeito o Goberno de Inés Rey amosou o seu compromiso coas asociacións culturais da cidade, dándolles presenza nun dos eventos de folclore máis importantes do mundo. Ademais, o stand tamén serviu para promocionar a cidade e a súa oferta turística a través da campaña Cultura de Vivir.

Durante os sete días que permaneceu aberto este espazo, cun horario de 11.00 a 21.00 horas, foi visitado por máis de 14.000 persoas, unha media de máis de 2.000 ao día. “Estas cifras amosan o gran acerto que foi a nosa presenza como Concello nun evento dunhas dimensións descomunais, permitindo ao público coñecer a cultura galega que se promove desde A Coruña e tamén a nosa ampla e contrastada oferta turística”, indicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
As persoas que visitaron o espazo da Coruña en Lorient puideron recibir información dos principais atractivos da cidade e tamén dos seus principais eventos culturais, destacando aqueles relacionados coa cultura galega como a Romaría de Santa Margarida. Entre as principais dúbidas e cuestións dos visitantes están a localización da cidade e os principais medios de transporte para chegar, tamén preguntaron pola súa oferta cultural, de museos e de ocio, así como a capacidade hoteleira durante distintos momentos do ano.
Ademais, numerosas persoas achegáronse o xoves 15 ata o espazo da Coruña durante a celebración dun acto institucional no que estiveron presentes delegados doutras naciónsceltas. O concelleiro Gonzalo Castro valorou moi positivamente a experiencia desta primeira representación da Coruña no festival. “Estou seguro que esta colaboración entre o Festival Intercéltico de Lorient e a nosa cidade terá continuidade, xa que supón un escaparate inigualable para promover turismo de calidade e baseado na nosa cultura”, indicou.